A Vicepresidencia pon en marcha unha nova edición de IlustrarNÓS, con actividades nos centros educativos

A área de cultura da Vicepresidencia da Deputación de Lugo desenvolverá un ano máis o programa IlustrarNÓS, con diversas actividades arredor da ilustración e das artes gráficas en centros educativos.

Tomando como punto de partida o Día da Ilustración, que se celebra o 30 de xaneiro coincidindo co aniversario do nacemento de Castelao, a área de Cultura desenvolverá un catálogo de propostas coas que pretende ampliar o coñecemento desta expresión artística, das súas técnicas e creadores e creadoras, e fomentar a creatividade.

A programación inclúe obradoiros de creación dun fanzine en centros educativos de primaria, charlas a cargo da ilustradora lucense Rebeca Losada en institutos, murais homenaxe a Chichi Campos e Castelao en espazos educativos e un certame de ilustración, aberto á participación de alumnado de distintas etapas educativas, que se desenvolverán ao longo de 2024.

Iria Castro sinalou que “a experiencia das últimas edicións, con moi boa acollida na comunidade educativa, lévanos a dar continuidade a esta programación que pretende mergullar o alumnado na arte da ilustración, e tamén para poñer en valor a obra de creadores e creadoras galegas deste eido, as actuais, que participan na actividades, e as e os que as precederon como Chichi Campos, a quen se dedica este ano o Día da Ilustración, e por Castelao, que inspirou a celebración desta efeméride desde 2014”.

Obradoiros, charlas e nova edición de IlustrarNÓS

Os centros educativos da provincia acollerán nos vindeiros meses actividades enfocadas ao deseño e á ilustración. Por unha banda, 7H Cooperativa Cultural ofrecerá un obradoiro de creación de fanzine a partir da figura de Chichi Campos nos centros de Educación Primaria.

Co interese de difundir a obra de Chichi Campos convocarase o III Certame IlustrarNÓS, dirixido a estudantado de 5º e 6º de Educación Primaria, 1º e 2º de ESO, 3º e 4º de ESO e Bacharelato e Ciclos Formativos dos centros educativos da provincia de Lugo. Entre os obxectivos deste programa está fomentar a creatividade a través da ilustración e descubrir novos valores.

A dotación do premio consistirá en catro lotes (un por etapa educativa) composto por material gráfico e tecnolóxico relacionado co mundo do deseño e a ilustración.

 

 

 

 

 

 

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com