Balseiro afirma que a nova Lei de Mellora de Estrutura Agraria axilizará os procesos de concentración parcelaria

O secretario do Parlamento de Galicia e deputado autonómico, Jose Manuel Balseiro, quixo poñer en valor a publicación hoxe no Diario Oficial de Galicia da METAGA, a nova Lei de Mellora de Estrutura Agraria que entrará en vigor en 20 días.

O deputado asegura que a nova norma permitirá axilizar os procesos de concentración parcelaria, que se pasan a denominar de reestructuración parcelaria, ademais de establecer incentivos fiscais que promovan o uso ou o arrendamento das parcelas agrarias.

Ambas novidades son, segundo Balseiro, de gran utilidade para comarcas como a Mariña lucense, onde se están a desenvolver diversos procesos de concentración aínda en execución e onde o peso da agricultura e gandería segue a ser importante, en especial, nos concellos do interior.

“A Lei de Mellora da Estrutura Agraria de Galicia dedica a maior parte do seu texto a definir os procesos que se seguirán nas reestructuracións parcelarias, que ata agora se viñan chamando concentracións parcelarias. A nova normativa aspira a simplificar e reducir o tempo de realización das parcelarias, que a miúdo viñan sendo proxectos farragosos que se dilataban en exceso no tempo”.

No articulado da Lei detállanse os procesos a seguir no caso das reestructuraciones parcelarias públicas e tamén nas de carácter privado, ben agrario ou forestal. Establécese tamén a posibilidade de plans de permutas voluntarias de fincas.

O outro mecanismo co que se quere promover a mobilidade de terras agrarias é o dos incentivos fiscais e redución de tributacións, tanto en caso de herdanzas como de compravendas:

Nas herdanzas, a transmisión das parcelas mediante venda ou arrendamento a unha explotación agrícola supoñerá deducións do 99% no imposto de transmisións patrimoniais. O mesmo sucederá no caso de que as fincas poidan poñerse a disposición do Banco de Terras. En ambos casos, o titular da parcela terá seis meses para facer a transmisión. O prazo mínimo de cesión das parcelas será de cinco anos.

“Para as compravendas, haberá tamén deducións do 99%, tanto no caso de explotacións agrarias como no de parcelas soltas. Con estas medidas, a Administración trata fundamentalmente de evitar que os herdeiros con actividade non agraria deixen as parcelas abandonadas ou infrautilizadas”, sinalou Balseiro.

Finalmente, a lei establece que a Administración poderá declarar como perímetros abandonados un conxunto de predios cando existan evidentes riscos de lumes forestais ou cando haxa demanda de terra agraria na zona.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com