A xornada desta sábado,será a primeira proba das seis previstas durante a primeira metade do ano, nas que se agarda unha participación total de preto de 2.000 atletas de todas as categorías.
O vicepresidente da Deputación de Lugo e deputado de Deportes, Efrén Castro sinalou que “probas e competicións coma estas mostran do peso específico que ten o atletismo no deporte lucense, con atletas de distintas modalidades que destacaron e destacan internacionalmente e cun importante traballo coa base por parte dos clubs”. Tamén valorou a importancia que este ano cobran as categorías base, potenciando a súa participación.
Pola súa banda, dende a delegación lucense da federación, o seu delegado en Lugo Pablo Gandoy agradeceu o apoio da institución provincial e sinalando que se trata de probas moi valoradas polos clubs, xa que “lle damos oportunidade para que os atletas vaian adquirindo experiencia competitiva e poidan ir facendo as marcas para participar en campionatos galegos e estatais”.
Na xornada deste sábado, con 14 probas atléticas, participarán 300 deportistas de categorías superiores a sub 16, tanto de clubs de Lugo como do resto de Galiza. A vindeira xornada será o 24 de febreiro.
Video finish
Ademais da organización das probas de atletismo, a Vicepresidencia da Deputación de Lugo financiará a adquisición dun equipamento de video finish para a celebración de probas de atletismo na provincia. Trátase dunha tecnoloxía de cronometraxe imprescindible para que as marcas das e dos atletas teñan recoñecemento galego, estatal e internacional.