A candidata do BNG ao Parlamento Galego Olalla Rodil, mantivo hoxe en Lugo un encontro con investigadoras e investigadores do campus de Lugo para presentar as propostas do BNG neste eido. Rodil pediu “o apoio para o BNG o vindeiro 18 de febreiro para dar a volta aos 15 anos perdidos que levamos en materia de I+D+i pola desidia do PP, que non considerou a investigación e a ciencia como unha materia estratéxica”.
A nacionalista, cualificou á investigación como un “eixo estratéxico para o desenvolvemento económico e a modernización da Galiza”, e destacou a potencialidade do Campus de Lugo, cunha oferta formativa e unha labor de investigación moi ligada co sector agrogandeiro.
Rodil anunciou a creación do Innogal, “unha fundación galega para a ciencia, entendida como unha fundación sen ánimo de lucro, con personalidade xurídica propia e independente cuxo obxectivo é impulsar, promover e desenvolver a investigación e xeración de coñecemento” e engadiu “impulsaremos a cooperación e coordinación entre os distintos axentes do ecosistema investigador galego a través da creación da Rede galega de coñecemento, ciencia e tecnoloxía”.
Actualmente, “Galiza está á cola do investimento en I+D+i con respecto ao resto do estado” aseverou Rodil, e o “BNG propón unha batería de medidas para reverter esta situación, comezando polo incremento do investimento en ciencia I+D de maneira progresiva até alcanzar o 3% do PIB en 2030, e dedicar á ciencia e I+D, o 3% dos orzamentos. De cara a mellorar as condicións profesionais do persoal, o BNG desde a Xunta de Galiza definirá unha carreira profesional investigadora para todo o persoal científico – técnico que desenvolve a súa actividade nos centros de investigación e prestación de servizos tecnolóxicos, e creará unha verdadeira Axencia Galega da Ciencia”.
A cabeza de lista por Lugo, afirmou que Galiza precisa un goberno “que aporte solucións para deixar atrás os quince anos de nefasto legado que deixa o PP”, e animou a todas as persoas “a votar BNG independentemente do voto que deran noutras eleccións, somos a única forza coas mans libres para mellorar a vida das galegas e galegos sen ter que obedecer ás ordes dos partidos estatais”.