Mato, meu irmán maior

 

Non teño irmáns, pero coido ter idea cabal do que significan na vida de calquera persoa. E cando onte me preguntaron que era para min Xesús Mato dixen que era como meu irmán maior.

Non digo “irmán máis vello”, porque Mato nunca foi vello, nin aos 91 anos, porque tiña esa viveza moza, esa picardía natural, esa inocencia consciente, esa grandeza incontida. E hoxe teño que despedir ao irmán; irmán non por vínculo familiar, si por identidade humana, polo que me ten ensinado sen palabras; pola amizade, polo exemplo, polo amor á terra e ás xente… polos cincuenta e cinco anos de identidade amiga. Irmán compartido con centos, milleiros, de beneficiados polo seu ser e facer.

Vímonos por ultima vez o domingo pola mañá que, sen poder falar, estaba especialmente expresivo. Ángel, o sobriño que o acompañaba, díxome que pola mañá dixera misa por señas e entón, ao despedirme, díxenlle: “xa que misaches, agora que me vou de viaxe, ben me podes dar a bendición”. Bendiciume sorrindo baixo a mascariña que lle facilitaba a respiración.

Era un varón santo que cando se lle mencionaba calquera acción que tiña realizado no campo da cultura, do social, da música, dos “minus” que el transformou en “válidos”, tiña unha soa resposta: É porque son cura, e a un cura nada humano lle pode ser alleo.

Entregounos a vida a todos, estivo ao dispor de todos. Ensinounos a camiñar pola vida, mirando ao futuro, transformando o presente. Quedamos orfos, pero non hai quen nos quite o vivido con el. Dise que quen sofre a perda dun membro sente, ás veces, a dor nese membro. A  min, que non tiven irmáns físicos, dóeme ese irmán maior que sempre botarei en falta.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com