O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, informou hoxe de que o Consello da Xunta vén de avanzar a decisión para a constitución dun polo industrial e innovador en avións non tripulados de uso civil das Rozas (Lugo) como é a contratación dun ou varios socios tecnolóxicos.
“Vimos de autorizar, e en consecuencia se fará público de forma inmediata, os criterios que se aplicarán para a selección de socio ou socios tecnolóxicos, xa sexa unha empresa ou un consorcio, que como se tiña anunciado se fará a través dun concurso público”, subliñou Feijóo.
Deste xeito, hoxe danse a coñecer as bases dos criterios de selección dese concurso público, que estarán recollidos na licitación que aprobada polo Consello da Xunta. Segundo o presidente da Xunta, “trátase dun proceso competitivo no que xa teñen amosado interese máis de 200 empresas de todo o mundo” entre as que están as sete grandes multinacionais que amosaron o seu interese á Xunta de Galicia por participar neste concurso internacional.
“Dito proceso conta cun investimento público de 25,5 retos tecnolóxicos relacionados coa prestación de servizos públicos” apuntou Feijóo. “Os retos que saen no prego que hoxe se dá a coñecer na licitación para Galicia son a prevención e a extinción de incendios, o salvamento marítimo, o inventariado e a xestión intelixente do territorio, o control do furtivismo, a vixilancia costeira e tamén a xestión eficiente de emerxencias e fluxos turísticos. Así mesmo, o coñecemento obtido permitiralle a Galicia posicionarse con vantaxe no desenvolvemento da fabricación de tecnoloxía exportable a nivel mundial”.
Neste senso, as empresas que opten por ser seleccionadas como socio tecnolóxico deberán detallar o proxecto de I+D proposto para abordar os retos referidos e tamén os recursos que está disposta a achegar en Galicia -tanto económicos, como de capacidades, instalacións, e recursos de persoal- e tamén os compromisos que vai adquirir no caso de que resulte seleccionado como socio tecnolóxico da Xunta, recursos que teñan impacto socioeconómico en Galicia. Por este motivo, resultarán prioritarios os compromisos desas empresas de colaboración co tecido empresarial galego.
Tamén se valorará especialmente a implicación de sectores estratéxicos con potencial de diversificación como é o naval e a automoción. Así mesmo, recóllese o compromiso e os criterios de creación de emprego, capacidade de atracción de investimentos complementarios acordos con universidades galegas ou con centros de investigación galegos e a organización de actividades de divulgación.
Pola súa banda, ademais do investimento de 25,5 millóns de euros, o Goberno galego facilitará ao socio tecnolóxico o acceso ás instalacións do aeródromo de Rozas, onde se están investindo 10 millóns de euros neste momento, conxuntamente co Ministerio de Economía e Competitividade, tal e como lembrou o mandatario galego.
Neste contexto, salientou que a próxima semana, a Xunta manterá un encontro en Santiago coas 200 empresas que teñen manifestado formalmente o interese por participar para explicar en detalle o proceso e poñer en contacto aos participantes.
“Será unha cita con máis de 500 persoas que virán a Santiago o vindeiro luns para concretar, establecer contactos e ver cales son os socios tecnolóxicos que finalmente optan, -unha vez coñecidos os criterios- e cales son, dos que opten, os socios tecnolóxicos que pasen as distintas fases ata a finalización da escolla do socio tecnolóxico que máis invista en Galicia”, engadiu o titular da Xunta.
O proceso aberto hoxe continuará coa publicación da convocatoria nos Diarios Oficiais galego, estatal e europeo. Posteriormente, materializarase na selección dunha lista de potenciais socios tecnolóxicos cos que se iniciará un diálogo para optimizar e negociar as propostas que presenten e a fase competitiva irá cribando candidatos ata rematar coa sinatura dun acordo con un ou varios socios tecnolóxicos individuais ou consorciados.
Asemade, Feijóo anunciou un investimento doutros 20 millóns de euros para a compra pública innovadora, é dicir, na procura de solucións tecnolóxicas innovadoras para a mellora dos servizos públicos. “Esta contía completa, por tanto, un investimento total por parte da Xunta de 45,5 millóns euros dende 2015 ata 2020 para converter Galicia nun referente europeo de avións non tripulados”, asegurou Feijóo.
“O obxectivo é situar á comunidade nunha posición de vantanxe neste mercado que ten unhas excelentes perspectivas de crecemento”, engadiu. Por tanto, “estamos abrindo unha nova oportunidade, estamos abrindo un novo sector industrial en Galicia e estamos intentando facelo coas máximas expectativas de crecemento”, indicou o titular da Xunta.