Iniciativa para a intervención pública de Alcoa

a Comisión de Industria do Congreso, que terá lugar na próxima semana, o BNG presentará unha iniciativa na que se insta o Executivo español a abordar a intervención pública de Alcoa e outras medidas para asegurar a actividade da planta na Mariña e os postos de traballo despois da ameaza da dirección de fechamento

O nacionalista Nestor Rego,  alerta ao Goberno sobre o anuncio feito recentemente pola dirección de Alcoa. “Un anuncio que parece confirmar a intención da empresa de desfacerse da factoría como xa fixo coas plantas de Avilés e A Coruña”, advirte Rego.

Segundo Rego “o Goberno español debe apostar pola nacionalización da factoría. Nin o marco normativo galego, nin o do Estado, nin o da UE, impiden a intervención pública desta industria estratéxica e mesmo hai pronunciamentos do Congreso neste sentido”. Poñen por caso a compra de accións de Telefónica por parte da SEPI para evitar o seu control por capital saudí. “A intervención, mesmo que for temporal para despois buscar un operador cun proxecto industrial fiábel e de continuidade, é un mecanismo que o Goberno debe estar disposto a activar”, asegura.

A dirección de Alcoa “xoga co acordo”

Lembra Rego que “o acordo asinado en decembro de 2021 implicaba o cesamento temporal da produción coa condición de manter os postos de traballo cando se reiniciase a actividade dous anos despois (xaneiro de 2024), ademais de melloras na planta. Chegou o ano 2023 e Alcoa propuxo ampliar os prazos para o arranque, un retraso que foi aceptado polo persoal de xeito que a reanudación total da actividade será en 2025”.

Con este anuncio “Alcoa volve a cuestionar o futuro da planta e por riba reclama unha nova modificación do acordo. A empresa debe cumprir cos compromisos asinados, en especial, a execución dos investimentos para a construción do forno de ánodos e a ampliación á cota 104 da DBR antes do 1 de xuño”, afirma Rego, que considera que a reacción da compañía é fixar posición de cara a convocatoria da mesa de seguimento prevista para o 4 de abril.

Así as cousas, o deputado do BNG “defenderá na Comisión de Industria a adopción de medidas urxentes por parte das distintas administracións para garantir a continuidade da factoría e dos empregos. Neste sentido, empraza ao Executivo a actuar sobre os altos custos da enerxía eléctrica. Unha medida, puntualiza, sería a posta en marcha dunha Tarifa Eléctrica Galega de xeito que puidésemos regular un marco enerxético propio en que o custo da enerxía fose menor tanto para industrias como consumidores”.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com