O presidente da Xunta de Galicia Alfonso Rueda ven de facer público a conformación do novo Goberno Galego e entre os nomeados están dúas persoas do PP de Lugo. Por unha banda Alfonso Villares na Consellería do Mar, da que xa era titular e pola outra, María José Gómez Rodríguez que dirixirá a de Medio Rural.
María José Gómez Rodríguez, naceu en Pradedo de Abaixo, Guntín (Lugo) en 1976. Licenciada en Filoloxía Inglesa e en Humanidades, desde 2008 é profesora de ensino secundario no ensino público, na especialidade de Inglés.
Desde 2019 é alcaldesa de Guntín e, despois das eleccións xerais de xullo de 2023, senadora pola provincia de Lugo.
Entre 2014 e 2017 foi vicedirectora do IES de Monterroso, no que coordinou a sección bilingüe. Entre 2017 e 2022 foi xefa de coordinación de Cultura en Lugo e entre 2022 e2023 xefa territorial da Consellería de Cultura, Educación, FP e Universidades na mesma provincia.
Alfonso Villares Bermúdez, naceu en Cervo en 1970. É licenciado en Veterinaria pola Universidade de Santiago de Compostela. Entre 1996 e 2007 exerceu profesionalmente como veterinario. Desde 1995 é concelleiro do PPdeG en Cervo, con responsabilidades de goberno desde1999 e como alcalde desde as eleccións municipais de 2007, cando obtivo unha maioría absoluta que revalidou nas eleccións municipais de 2011, 2015, 2019 e 2023. Tamén foi vicepresidente primeiro da Federación Galega de Municipios e Provincias.