CCOO rexeita a proposta de convenio na sanidade privada de Lugo

O sector de Sanidade Privada de CCOO de Lugo rexeita a proposta de convenio provincial para este ámbito, que está disposto asinar a UGT, mantendo o persoal unha década cos salarios conxelados e perdendo poder adquisitivo cada ano que pasa. Segundo Comisións Obreiras “máis de catrocentas persoas dependen deste convenio, das cales unhas 250 traballan en Ribera-Polusa e Quirón”.

O actual convenio leva caducado desde o 2016, polo que xa son oito anos sen revalorización dos salarios. A patronal fixo unha proposta e a UGT, sindicato maioritario no ámbito, amosou a súa disposición a aceptala, mesmo que signifique actuar de costas ao resto de organizacións e perder poder adquisitivo.

Ademais da conxelación salarial, CCOO coida «un insulto» que a proposta prevexa o traballo gratis os domingos ou aboar só 15 euros por traballar en festivos. Isto, ao tempo que as grandes empresas do sector —Ribera e Quirón— facturan millóns de euros grazas aos ingresos fixos que perciben polos concertos sanitarios.
«No momento de mellor facturación das empresas, as condicións que propoñen resultan unha ultraxe aos traballadores e traballadoras da sanidade privada», denuncia Carlos Díaz, responsable de CCOO na sanidade privada de Lugo.

Por último, acusa a UGT de poñerse do lado das empresas en vez de estar ao carón dos traballadores e traballadoras do sector, e critica que «pretendan branquear a súa decisión» cunha «votación sen garantías na súa sede, sen posibilidade de verificación por parte doutros sindicatos».

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com