A Federación de Servicios de CCOO de Galicia, solicitou a actuación do Consello Galego de Relacións Laborais.
Segundo declaracións de CCOO “é inaceptable que as diferentes patronais do sector servizos en Lugo manteñan unha situación de bloqueo na negociación de convenios que se arrastra desde o ano 2010. Non só non houbo actualizacións salariais, que só viron incremento grazas aos incrementos do salario Mínimo Interprofesional, no que CCOO como sindicato maioritario neste país, tivo un papel primordial. Senón que tampouco se actualizaron beneficios sociais que xa están incorporados nos convenios doutras provincias, (licenzas, descansos, reducións de xornada, etc.).
Desde CCOO entenden que esta situación chegou xa a un límite inaceptable, “Non nos deixan outra opción que a busca de alternativas ante esta paralización e deixadez, que só fai incrementar a desigualdade e a precariedade das traballadoras e traballadores de Lugo con respecto ao resto de provincias desta comunidade”.
“Hai unha cegueira por parte de administracións e patronais, que permite unha fuga do mercado laboral, a outras provincias onde as condicións son máis beneficiosas, aceptando a degradación da vida social e o éxodo”, sinalan.
Desde CCOO convocan ás patronais de forma inmediata mediante solicitude a través do Consello Galego de Relacións Laborais, para valorar a posibilidade de abrir unha mesa de negociación dun Convenio de Comercio Vario.
E queren deixar claro que A Confederación de Empresarios de Lugo, a Federación Galega de Comercio e as administracións públicas “teñen que dar un paso adiante e ser partícipes na solución desta situación anómala, inxustificable e negativa para as persoas traballadoras da provincia de Lugo”.