Europa

Europa, na España na que medrei, empezaba nos Pirineos. De Andalucía para abaixo, África. España, “unidade de destino no Universal”, era unha excepción que nos vendían afortunada, como unha illa na que as borrascas atopaban muros infranqueables xa que nela reinaba “un fresco xeneral procedente do Noroeste”. Teño a sensación, sen máis fundamento que o sentidiño que me quede, de que cando España petou na Europa que coñecíamos pola emigración, non é que a mirasen por riba do ombreiro senón que se sorprendían pola ousadía, pero todo foi chegando. Tamén aquí nos sorprendimos porque desde o “si ellos tienen Onu, nosotros tenemos dos”, parecían ter pasado varios séculos, e xa empezaba a cumprirse a transformación augurada por Alfonso Guerra.

Case corenta anos despois de facernos políticamente maiores de idade, Europa quédanos lonxe e impórtanos a priori moito máis o que decide o concello de cada quen que o que nos veña da U.E., a non ser as axudas millonarias que pretender igualar aos europeos, que doe menos gastar porque non hai que sudalas.

O domingo votamos a nosa representación en Europa. Como España é circunscrición única, votaremos, os que votemos, fiándonos do ollo clínico dos rectores de cada partido para escoller os que nos van dar voz na cámara na que seremos fortes formando parte de algo importante neste mundo axitado e cambiante. O domingo hai que votar, por Europa, por nós, superando decepcións, incomodidades, descoñocementos ou desconfianzas. En tempos, Europa era o noso norte, e moitas cousas cambiaron nestes anos de camiñar xuntos, pero nin temos outro punto de destino nin compañía mellor.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com