As XVII Xornadas Xurídicas de Sarria analizarán os delitos informáticos e a ciberseguridade

As XVII Xornadas Xurídicas de Sarria ‘Román García Varela’, que se celebrarán na Casa da Cultura da localidade os días 12, 13 e 14 de xuño, analizarán este ano a ciberseguridade e os delitos informáticos. Na inauguración do encontro, que está organizado polo Concello de Sarria e que forma parte do programa de Formación Continua do Consello Xeral do Poder Xudicial (CXPX), intervirán o presidente do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG), José María Gómez y Díaz-Castroverde; o alcalde de Sarria, Claudio Garrido; o conselleiro de Xustiza, Diego Calvo; o deputado da área de Promoción Económica e Social da Deputación de Lugo, Pablo Rivera Capón; e a directora da UNED de Lugo, Ana Traseira. O fiscal xeral do Estado, Álvaro García Ortiz, impartirá a conferencia inaugural. 

Ao longo dos tres días, os/as expertos/as participarán en mesas redondas nas que profundarán, entre outras cuestións, nos riscos e ameazas da ciberseguridade desde unha perspectiva xurídica; os desafíos de manter unha lexislación actualizada; a intelixencia artificial como posible ameaza aos dereitos fundamentais; os delitos de terrorismo no ciberespazo; as novas tipoloxías delituosas e a súa influencia na violencia de xénero; ou a privacidade no mundo dixital.

As xornadas, dirixidas polo letrado da Administración de Xustiza Román García-Varela Iglesias e polo catedrático de Dereito Mercantil Carlos Lema Devesa, contarán coa presenza de prestixiosos relatores, entre eles maxistrados do Tribunal Supremo; o expresidente do CXPX p.s. Rafael Mozo; a expresidenta do Tribunal Constitucional, María Emilia Casas Baamonde; a directora da Axencia Española de Protección de Datos, Mar España Martí; ou o maxistrado de ligazón de Reino Unido en España, Marc Robinson.

Ademais dos asistentes presenciais, entre eles xuíces e xuízas de diferentes localidades de España, as xornadas seguiranas de forma telemática desde outras comunidades autónomas e países estranxeiros a través do centro de Lugo da Universidade Nacional de Educación a Distancia (UNED).

 As Xornadas Xurídicas de Sarria ‘Román García Varela’ tiveron a súa orixe en 2007 e, tras o falecemento do seu fundador, en 2013, continúan celebrándose anualmente en memoria do maxistrado. Esta XVII edición comezará o vindeiro mércores, 12 de xuño, ás 16 horas. O presidente do Tribunal Constitucional, Cándido Conde Pumpido, clausurará o encontro o venres 14 de xuño ás 12:15 horas. No acto tamén participarán José María Gómez y Díaz-Castroverde, presidente do TSXG, e os codirectores das xornadas, Román García-Varela Iglesias e Carlos Lema Devesa. 

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com