Un home tivo que ser rescatado esta mañá despois de caer nunha zona de rochas entre a praia de Llas e a da Rapadoira, en Foz.
O 112 Galicia recibiu o aviso dez minutos antes das 10 horas, cando un particular informaba da situación e solicitaba axuda para o home que caera non daba saído polos seus propios medios.
Con esta información, os xestores da sala de operacións do 112 Galicia deron aviso aos Bombeiros de Barreiros, aos membros do GES de Cervo, aos axentes da Policía Local e da Garda Civil e aos efectivos de Protección Civil.
Unha vez rematadas as tarefas de rescate, os equipos de emerxencia desprazados informan ao 112 Galicia que o home tivo que ser rescatado cuns arneses debido a que a as rochas eran moi esvaradías.
Con todo, segundo informan, o home ía pescar cando esvarou e caeu, polo que para prestarlle asistencia sanitaria, desde o 112 Galicia informouse ao Servizo de Urxencias Sanitarias de Galicia-061, que trasladaron ao ferido a bordo dunha ambulancia ao Hospital da Mariña.