O Concello presentou a súa candidatura á cuarta edición dos distintivos Bandeira Verde de Galicia, unha iniciativa creada no ano 2020 que busca distinguir aos concellos galegos máis dinámicos no eido medioambiental, desenvolvendo boas prácticas para o coidado da súa contorna, o respecto á paisaxe, a redución das emisións de CO2, ou a redución do consumo enerxético entre outras cuestións.
A candidatura de Lugo inclúe actuacións xa finalizadas e outras en execución. A alcaldesa de Lugo, Paula Alvarellos explicou que “non están todas as que se levaron a cabo, pero si unha gran parte das que amosan o modelo de cidade no que nos estamos a converter con proxectos que nos permiten vivir de xeito máis integrado co Miño (recuperación da Vía XIX, Tanxurela, a senda verde ciclista, rexeneración do Carme, peonalización da calzada da Ponte…), nunha cidade máis ecolóxica (renaturalización dos espazos e creación de novas áreas verdes), referente no urbanismo sostible (Impulso Verde como edificio emblema e o deseño dos barrios sostibles do futuro), amable, funcional e integradora coa veciñanza de todas as idades (ascensores urbanos, peonalizacións, centros sociais interxeracionais, parques…) cun casco histórico continuo, camiñable e con diversidade de usos (peonalización integral do casco histórico e melloras na súa contorna) que impulsa a participación cidadá (Muramiñae Rehabilita) e fomenta o turismo sostible (coas Caldas do Miño e a Fábrica da Luz como algún dos proxectos claves)”.
O obxectivo deste distintivo é que os municipios sexan recoñecidos pola cidadanía e polos potenciais visitantes, fortalecendo a imaxe das vilas e pobos máis comprometidos nos ámbitos ambiental, paisaxístico e de respecto ao patrimonio natural. Ademais, o outorgamento deste distintivo constituirá mérito para as entidades locais de Galicia tanto para os efectos da obtención de subvencións en materia de patrimonio natural, coma de axudas para o financiamento de actuacións en materia de residuos de competencia municipal.