A Xunta de Galicia acaba de emitir o informe requirido pola Confederación Hidrográfica do Miño-Sil sobre a instalación de dúas ramplas de acceso ao río Miño para o seu uso como zona de baño na cidade, na zona da Tolda. O documento, que non é vinculante, conclúe que o proxecto sería factible desde o punto de vista da conservación ambiental do río e a contorna pero sempre que o seu promotor adopte unha serie de medidas para garantir a preservación da flora e da fauna da zona.
Os técnicos da Dirección Territorial de Medio Ambiente e Cambio Climático responderon “en menos 8 días á solicitude de informe sobre este novo proxecto, que tivo á Confederación para que esta poida continuar tramitando e autorizar, de ser o caso, o proxecto que promove o Concello de Lugo”.
As pasarelas de entrada estarían limitadas a uns 4 ou 5 metros cadrados en cada acceso. Deste xeito, os técnicos da Xunta entenden que a súa instalación sería compatible coa conservación medioambiental aínda que require da adopción de certas medidas de preservación porque, como se dixo en informes anteriores, na zona existen especies ameazadas de mexillóns e náiades. Nos puntos concretos de colocación das ramplas, as máis abundantes son estas últimas, en especial, a Potomida littoralis.
Así, será preciso inspeccionar o río en coordinación co Servizo de Patrimonio Natural para comprobar a existencia de especies en perigo de extinción e a contía e o tipo de náiades.
En caso de aparecer exemplares illados de náiades no leito sobre o que se pretenden estender as pasarelas ou nas súas inmediacións, “deberán ser trasladados a zonas máis profundas. Se aparecesen áreas con presenza abundante de mexillóns de río a pouca profundidade que puidesen verse afectadas e alteradas polas pisadas dos bañistas, estas deberán ser protexidas mediante un acordoado para impedir o acceso”.
O informe da Xunta tamén recomenda proporcionar información sobre a vulnerabilidade e o valor ecolóxico das poboacións de náiades e outras especies protexidas (por exemplo mediante carteis informativos) para a concienciación dos posibles usuarios da zona de baño e tamén para poñer en valor a importancia e funcións do lugar como reserva da biosfera.
Por último, cómpre subliñar que “este informe favorable condicionado por parte do Servizo de Patrimonio Natural de Lugo se enmarca estritamente nas súas retribucións, sen entrar a valorar, polo tanto, cuestións relativas á idoneidade ou á seguridade da zona de baño, que quedan fóra do seu ámbito de competencias, e sen prexuízo doutras autorizacións, comunicacións ou informes que puidesen ser legalmente esixibles”.