A alcaldesa de Lugo, Paula Alvarellos inaugurou hoxe o primeiro Coliving artístico municipal dedicado ao arte no barrio do Carme. A inauguración tivo lugar no exterior do centro, construído ao pé do Camiño Primitivo, tras a rehabilitación por parte do Goberno local do que fora a vivenda do pintor e escultor Gómez Pacios.
Alvarellos sinalou que esta dotación nace co obxectivo de “ser catalizador da creatividade e do desenvolvemento profesional no ámbito cultural, pero tamén de contribuír á rexeneración desta zona estratéxica de Lugo”.
O centro disporá dunha programación propia orientada a todos os públicos, que se prolongará ata finais de ano, momento a partir do cal entrará en funcionamento o regulamento das Residencias Artísticas Internacionais do Coliving.
O Goberno local programa para outono varias sesións orientadas a profesionais e axentes especializados no sector artístico que servirán para divulgar o proxecto e supoñerán a antesala do que será o funcionamento ordinario.
Con este acto arrinca a actividade nesta nova dotación artística para dar a coñecer o edificio entre a cidadanía e os axentes culturais da comunidade”. Iso será ata primeiros do 2025, cando se prevé que entre en funcionamento o Regulamento das Residencias Artísticas Internacionais do Coliving. Precisamente, moitos representantes do colectivo artístico, cultural e educativo de Lugo estiveron presentes nesta inauguración para percorrer unhas instalacións que supuxeron a construción dunha nova edificación e da recuperación de 3.000 m2 de zonas verdes ao seu carón, que se habilitarán como zona cultural aberta a toda a cidadanía e que contará con programación propia.