O Xulgado do Contencioso-administrativo número 1 de Lugo rexeitou a solicitude dunha funcionaria de carreira do corpo administrativo da Xunta de Galicia de que se lle concedese o teletraballo dez días ao mes ou, subsidiariamente, cinco días. “A prestación de servizos en réxime de teletraballo nin se pode impoñer ao empregado público nin este impoñelo á administración polo mero feito de solicitalo, o cal non quere dicir que esta poida denegalo de forma arbitraria ou discriminatoria nin concedelo en contra das necesidades do servizo”, explica a maxistrada na sentenza, na que indica que, neste caso, a Xunta considera que o posto de traballo da solicitante non é susceptible de desempeño en réxime de teletraballo, “xa que desenvolve parte das súas funcións fóra das dependencias administrativas” e é a única inspectora de vivendatramitadora que hai en Lugo.
A xuíza, polo tanto, confirmou a resolución da administración, pois entende que a denegación do teletraballo foi motivada e que se adoptou “baixo o paraugas da potestade de autoorganización da administración, resultando que o superior xerárquico-xefe de sección, co visto e prace do xefe provincial, entendeu que non procede, de acordo co tipo de traballo que desempeña”. A maxistrada recalca que a organización propia da administración “ha de ser respectada por este xulgado”, por canto “non se observa arbitraria nin se achegou dato algún do que inferir algún ánimo espurio ou de calquera outro tipo á hora de adoptar a decisión; motivo polo cal o control xudicial non pode profundar na organización propia de cada servizo”.
Ademais, na resolución salienta que non quedou acreditado o trato discriminatorio cara á demandante polo feito de que para outros postos de traballo se autorizase ese sistema. “É necesario efectuar unha análise individualizada de cada situación, solicitando o informe do xefe de sección, quen está nunha posición idónea para valorar a procedencia da concesión da solicitude de quen pretende prestar o servizo que se insire na organización administrativa propia de cada departamento”, indica a titular do Xulgado do Contencioso-administrativo número 1 de Lugo. A sentenza non é firme, pois contra ela cabe presentar recurso.