Ocorreu pouco despois das 16:30 horas: o alertador explicou ao 112 Galicia que estaban pescando no encoro de Belesar, no Páramo, cando o desaparecido perdeu a súa cana. Ao tratar de recuperala acabou caendo á auga. Un amigo que pescaba con el foi quen chamou ao 112 logo de ser incapaz de axudalo e perdelo de vista. Foi nese momento cando relatou os feitos aos xestores Centro Integrado de Atención ás Emerxencias e engadiu que el estaba na beira e precisaba asistencia sanitaria.
De inmediato, desde o 112 Galicia solicitouse a acción dos profesionais sanitarios, dos Bombeiros de Sarria e da Garda Civil.
Urxencias Sanitarias de Galicia-061 mobilizou ao seu persoal a bordo do helicóptero medicalizado con base en Ourense, que tomou terra no lugar e atendeu ao alertador, que quedara ferido na beira tras tratar de rescatar ao seu compañeiro.
Ao mesmo tempo, os bombeiros confirmaron que localizaran a cana de pescar, pero non ao desaparecido. Pola súa banda, a Garda Civil coordina o operativo e envía a varios efectivos do Grupo de Especialistas en Actividades Subacuáticas (GEAS) e unha unidade de drons.
Nestes momentos, os servizos de emerxencias continúan coas tarefas de busca.