O mar de Foz

Para os de terra adentro, a Mariña é territorio especial, de ostensible fervenza industrial e comercial e unha ledicia festeira na que ata as voces dos coros teñen harmónicos de mar.

Fun o sábado a Foz, presentar dous libros de historia que honran a súa rica bibliografía do mar: “Unha historia do mar de Foz”, de Xoán Ramón Fernández Pacios, Cronista oficial e “Embarcacións do mar de Foz”, do estudoso Antón Niñe Fernández. Son parte esencial do proxecto “A pegada da pesca: cultura e memoria mariñeira de Foz” do Concello de Foz e o Galp A Mariña-Ortegal para que a historia do mar de Foz permaneza viva no futuro.

O mar, elemento esencial na vida focega durante séculos, segue a ser presenza e vida, para a pesca ou o turismo, a industria ou o transporte, e precísase poñer de manifesto o papel histórico dos homes e das mulleres! na loita co seu mar nos tempos nos que era destino inevitable para mariñeiros ou armadores, conserveitos ou redeiras; todos respirando mar, vivindo mar.

Un acto cultural en Foz ten garantía, mesmo nas festas, de encher aforo con participantes conscientes, interesados, por saber máis de si mesmos. Tamén este encheu a histórica Sala Bahía. Eu, que entrei en Foz da man de Suso do Bahía e Luís Cordeiro, vou a Foz por amizade que me obriga, neste meu tempo outonal que me fai valorar de xeito especial as amizades.

O meu lonxano latín non me permite darlle a volta ao “do ut des” – “douche para que me deas” – porque debo dicir precisamente o contrario: douvos porque me déstedes, amigos; xente xenerosa sempre disposta a axudar. Chámame irresistiblemente o mar, e as xentes, de Foz.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com