Dende a Plataforma “Galicia Baleira”, que aglutina as Federacións provinciais de Asociacións Veciñais “Lucus Augusti” de Lugo e “Limiar” de Ourense, respectivamente, solicitan á Xunta de Galicia -por ser da súa competencia directa-, a través da Consellería de Sanidade, a gratuidade do servizo de televisión nas habitacións do 100% dos hospitais públicos de Galicia.
A este respecto, desde a Plataforma “Galicia Baleira”, consideran “pouco razoable que durante un ingreso hospitalario en calquera dos hospitais públicos da Comunidade Autónoma galega, o/a paciente ou os seus familiares deban abonar como un servizo extra e do seu propio peto o servizo de televisión na habitación, xa que é necesaria a adquisición dunha tarxeta e abono por horas dese servizo nas habitacións”. Neste sentido, engaden tamén, “que resulta evidente que ninguén acode a un hospital nin se atopa ingresado/a por propio gusto nin coa finalidade de facer uso dun televisor”.
Con todo, desde a Plataforma ”Galicia Baleira”, defenden que o mantemento dos hospitais públicos de Galicia faise a través dos impostos dos contribuíntes de Galicia; e, por tanto, “resulta lóxico e esixible que estes dispoñan dos mellores medios e equipamentos técnicos e humanos, á vez que sexan dotados dos servizos oportunos para facer máis levadía a estancia hospitalaria, sempre difícil física e psicoloxicamente para calquera persoa”.