De novo Lugo Monumental axudará un ano máis a San Vicente a facer manar viño da fonte barroca da Praza do Campo, e será este sábado día 27 de xullo ás 20:00h. Aínda que habitualmente é o 29 de xullo (día de Santa Marta, patroa da Hostalería), este ano votouse cambialo de data xa que coincidiría en luns, que é moi mal día para a zona.
Esta divertida tradición fai que, grazas ao patrocinio de Viliga (Viños e Licores de Galicia) o público desfrute gratuitamente do viño que mana da monumental fonte barroca de San Vicente da Praza do Campo de Lugo, onde se repartirán miles de vasos aos asistentes.
Grazas á colaboración do Concello de Lugo haberá un grupo que poñerá a animación ao evento e que despois seguirá facendo de pasarúas na zona co que a diversión está asegurada máis aló do propio “milagre”.
O mecanismo empregado para facer o “Milagre” é relativamente sinxelo e conta con tres grandes bidóns en que se deposita o viño, que a través de tubos alimentarios sae polos tres caños da fonte barroca de San Vicente. Hai que destacar que o viño non toca a fonte en ningún momento o que repercute tanto nun uso garantista do monumento, como na perfecta hixiene do evento, algo que a Asociación coida meticulosamente.
Como é tradicional, neste acto entregaranse cunha moi sinxela cerimonia, os premios da Asociación Lugo Monumental.