A sección segunda da Audiencia Provincial de Lugo condenou a cinco anos de cárcere a unha muller por estafar 33.630 euros a unha octoxenaria. O tribunal considerouna autora dun delito de estafa agravada e doutro delito contra a integridade moral. Ademais, como cómplice deste último, impuxo a outra acusada tres meses de prisión. Ambas deberán indemnizar á vítima con 6.000 euros polo dano moral causado e, a principal condenada, deberá abonarlle os 33.630 euros dos que se apropiou.
O tribunal considera probado que unha das procesadas, “actuando mediante engano e co ánimo de obter un lucro ilícito”, en torno ao mes de maio de 2020, estableceu unha “relación asidua” coa vítima, que ía cumprir 81 anos. A octoxenaria, segundo consta na sentenza, presentaba unha deterioración cognitiva que afectaba as súas facultades intelectivas e volitivas e á súa capacidade de autogoberno na esfera persoal e patrimonial. Ademais, residía nunha vivenda que presentaba “deficientes condicións de habitabilidade”, na cal recibía axuda dos servizos sociais do concello.
O tribunal considera probado que a acusada “se prevaleceu da súa situación de vulnerabilidade, derivada da súa avanzada idade, o seu precario estado de saúde, con importantes limitacións de mobilidade, o seu estado mental e psicolóxico, e a ausencia de familiares ou persoas que se encargasen do seu coidado”. Desta forma, sinala que, actuando coa finalidade de apoderarse dos seus aforros, se gañou paulatinamente a súa confianza. A condenada, tras convencela de que se fose a vivir con ela a Vilalba, onde “se encargaría do seu coidado, de forma supostamente altruísta, sen remuneración”, alugou unha vivenda nesa localidade, onde pasou a residir soa a vítima.
O seu coidado, segundo a sentenza, encargoullo á outra acusada, empregada súa nun bar que rexentaba, para que lle levase periodicamente a compra e lle baixase o lixo, “desatendéndose da súa atención e coidado integral, pois a deixaban soa no piso, permanecendo pechada con chave durante longos períodos, sen sacala á rúa, despreocupándose das condicións de salubridade do piso e da súa hixiene, a pesar de que necesitaba axuda para asearse, vestirse e saír á rúa, non lle procuraron alimentos adecuados, nin lle facían a comida, tampouco lle proporcionaron a medicación prescrita, non a levaron ás citas e revisións médicas, nin lle facían a limpeza básica dunha vivenda, sen permitir tampouco, as acusadas, que os servizos sociais atendesen á anciá”.
“Non resulta probado que as acusadas encerrasen e retivesen contra a súa vontade á vítima, sen posibilidade de comunicación co exterior, coa finalidade de apropiarse dos seus aforros”, indican os maxistrados na resolución, na que sinalan que a condenada utilizou a cartilla da octoxenaria para realizar sucesivas retiradas de efectivo sen o seu coñecemento nin consentimento, cantidades que non foron empregadas no coidado ou necesidades da mesma. O total dos cartos apropiados, segundo a sentenza, ascende a 33.630 euros. “Como consecuencia da apropiación continuada de tales cantidades, a acusada deixou á vítima sen aforros de ningún tipo e nunha precaria situación económica”, destaca a Sala na resolución, contra a que cabe presentar recurso ante o TSXG.