Acordos tratados na primeira Xunta de Goberno Provincial deste mandato

A presidenta da Deputación de Lugo, Elena Candia, deu conta hoxe dos asuntos tratados na primeira Xunta de Goberno, dos que destacou a “materialización dos compromisos asumidos en materia de benestar, e que benefician a máis de 3.000 lucenses”.

En concreto, na Xunta de Goberno de hoxe aprobouse o incremento de crédito por un importe de 500.000 euros, para o procedemento de concorrencia competitiva dirixido a financiar o Servizo de Axuda no Fogar, de tal xeito que a partida prevista para 2015 pasa dos 700.000 euros contemplados co bipartito ata os 1,2 millóns de euros.

Isto suporá unha duplicación do financiamento do Servizo de Axuda no Fogar con respecto ao que destinaba o goberno anterior a comezos do último mandato, explicou a presidenta da Deputación, quen engadiu que buscan “resolver na maior brevidade posible as solicitudes presentadas e para iso, este paso era previo e, polo tanto, necesario”.

A Xunta de Goberno de hoxe tamén fixo o encargo de elaboración da adenda dos convenios de teleasistencia, para poder asinalos na próxima semana cos concellos e deste xeito e dende a Deputación de Lugo financiar integramente o custe do servizo de teleasistencia domiciliaria, que se presta nos fogares da provincia. Ata agora as administracións locais asumían o 50% do servizo.

A Xunta de Goberno de hoxe tamén adxudicou a obra de acondicionamento da C.P. LU-P-2204 , de Momán á das Pontes a Porto Souto, dentro do Plan de Obras e Servizos; así como a prórroga de diferentes convenios que estaban en execución.

Elena Candia puxo en evidencia o normal funcionamento da institución provincial e agradeceu o traballo dos funcionarios da Deputación, que de xeito “responsable e comprometido están a colaborar con nos para que todos os procesos iniciados non se interrompan, nin se ralenticen”.

A presidenta da Deputación tamén se sumou á preocupación “dun dos sectores máis importantes da nosa provincia, eminentemente rural e dende esta institución, coas competencias e limitacións que ten, trasladamos o noso total apoio e dispoñibilidade, como así entendemos tamén que o hai por parte da conselleira. Estamos á disposición dos gandeiros para o que podamos ser de utilidade e entendemos que ata que non se acade un resultado é evidente que todo o traballo é pouco”.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com