Centos de persoas recorreron as rúas de Becerreá, nunha manifestación que partiu do instituto da vila, para esixirlle ao presidente da Deputación, José Tomé, a apertura da residencia da terceira idade. Esta residencia e centro de día leva tres anos rematada e continua pechada e sen dar o servizo de residencia e centro de día a unha comarca envellecida como é a dos Ancares.
Para reivindicar a súa apertura a veciñanza formou unha plataforma que está a levar a cabo diferentes accións, tanto na capital da comarca dos Ancares, como en Lugo e mesmo nas propias dependencias da Deputación, no Pazo de san Marcos, de onde foron expulsados máis dunha vez.
A residencia foi deseñada para dar servizo a 100 residentes e pensión completa e 40 prazas como centro de día, en palabras do alcalde da localidade Manuel Martinez, “ a residencia é a obra máis importante que realizou a Deputación de Lugo nos últimos anos e segue pechada sen que ninguén saiba cales son os motivos de que non se dote de mobiliario á cociña e se remate o centro de transformación de enerxía eléctrica”. Para estas dúas actuacións, xa existe unha dotación económica de máis de 1.000.000 de Euros”.
Á manifestación acudiron tamén representantes de Galicia Sempre que goberna o Concello de Becerreá e deputados provinciais do PP de Lugo, os cales que levaron en máis dunha ocasión ao pleno a reivindicación de que se abra xa a citada residencia.