O TSXG determina que os períodos de ERTE por COVID non computan a efectos de percibir unha nova prestación de desemprego

O Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG), de acordo co criterio do Tribunal Supremo, avalou a resolución do Servizo Público de Emprego Estatal (SPEE) de non considerar como tempo de efectiva cotización, a efectos dunha nova prestación de desemprego, os períodos de ERTE por COVID-19. A Sala do Social explica que ese tempo non pode computarse a efectos de ampliar a duración da prestación, debido a que, tal e como indicou o Supremo nunha sentenza, “a normativa especial COVID-19 non contempla ese dereito, sendo aplicable a regra xeral que exclúe esa posibilidade”.

“Razóase na sentenza indicada que o artigo 24.2 RD lei 8/2020 sinala que a exoneración das cotas empresariais non terá efectos para a persoa traballadora, `manténdose´ a consideración do devandito período como `efectivamente cotizado para todos os efectos´, pero desta última expresión non cabe extraer a consecuencia de considerar como cotizado para desemprego o tempo durante o que se perciben as prestacións por suspensión do contrato de traballo por forza maior COVID”, indica o TSXG, á vez que lembra que o Tribunal Supremo establece que “a finalidade do disposto no artigo 24.2 non é outra que a de considerar como cotizados os períodos durante os que a empresa queda liberada desa obriga e non ingresa, en consecuencia, as cotizacións”.

Desta forma, acolleu o recurso interposto polo Servizo Público de Emprego Estatal contra unha sentenza emitida polo Xulgado do Social número 2 de Vigo e rexeitou a demanda dunha traballadora, absolvendo ao SPEE das pretensións deducidas na súa contra. “Como se explica na sentenza de instancia, no caso aquí examinado non se discute se o período que a traballadora demandante pasou en ERTE-COVID-19 debe ser computado como consumido a efectos da futura prestación de desemprego percibida con ocasión do seu despedimento; de feito, de acordo cos feitos probados da sentenza recorrida, cando viu recoñecida a prestación de desemprego tras o seu despedimento, foi con ‘días consumidos: 0″, explica o TSXG, quen engade que o que se discutía é se ese período debía considerarse ou non como cotizado a efectos de desemprego para lucrar a futura prestación con ocasión do seu despedimento dunha empresa de deportes o 30 de decembro de 2022. A sentenza non é firme, pois contra ela cabe interpoñer recurso de casación.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com