Onte tivo lugar a presentación do programa do Mercado das Carmiñas 2015, que inclúe a celebración da Festa da Ensalada, e que se celebrará o 25 de xullo en Mondoñedo.
A presidenta do ente provincial, Elena Candia, asegurou que a Deputación de Lugo manterá un forte compromiso de colaboración e de implicación co sector primario e, neste senso, anunciou que fará unha aposta polos “produtos do campo e pola necesaria potenciación destes recursos”.
O Mercado das Carmiñas é unha iniciativa da Asociación de Comerciantes e Industriais de Mondoñedo (ACIAM), e que naceu co obxectivo de recrear os mercados de antes, “que merecían a pena”, -explica Candia-, e aos que acudían os veciños de xeito continuado e masivo. “Mondoñedo recordando o seu pasado, pero facendo valer o seu presente que está vivo e máis vivo que nunca, recupera estes mercados tradicionais”.
Programa
O Mercado das Carmiñas inaugurase o sábado 25 de xullo, ás 11:00 horas na Praza da Catedral; mentres que as 12:00 horas comeza na Praza do Concello a Festa da Ensalada, durante a que se celebrará unha degustación de ensaladas con produtos típicos da horta mindoniense nos locais de hostalería da localidade e na Praza do Concello. A maiores, terá lugar un concurso con premios para as tres mellores ensaladas.
Ás 14:00 horas, haberá sesión vermú na Praza do Concello amenizada por Joe Carey, e ás 15:00 horas será o remate do Concurso de Ensaladas. Así, dende a organización explican que para poder desfrutar da degustación de ensaladas na Praza do Concello, no stand da ACIAM venderanse os pratos para dito evento.
Xa pola tarde, ás 19:00 horas, para os máis pequenos da casa, terá lugar a actuación de Mircromina Titeres na Praza da Catedral. Ás 21.00 horas, celebrase a clausura do Mercados das Carmiñas 2015, e ás 22:00 horas procederase a entrega de premios do Concurso de Ensaladas.
Por último, ás 22:30 horas, terá lugar a Gran Queimada Popular na Praza da Catedral (durante toda a xornada no stand da ACIAM tamén estarán á venda as tazas para a degustación da queimada).
No acto de presentación ademais de Elena Candia interviu o presidente da ACIAM de Mondoñedo, Ángel José Marful, e estiveron tamén presentes o seu vicepresidente e secretario.