A Xunta Inviste máis de de 7 millóns en 17 obradoiros de emprego duais en Lugo

A Xunta de Galicia vén de notificar a aprobación de 17 obradoiros de emprego duais en Lugo, aos que destina un investimento de máis de 7,1 millóns de euros. Unha parte do orzamento destinarase a incentivar a contratación das persoas participantes unha vez rematada a súa formación.

O delegado territorial de Lugo, Javier Arias, explicou que as iniciativas aprobadas implican a 46 concellos e están dirixidas a mellorar as oportunidades laborais de 340 persoas desempregadas. Entre os sectores aos que fan referencia estas accións -que se estenderán durante 9 meses- rexístranse os relativos á atención sociosanitaria, distintos aspectos da construción, o sector forestal ou de viveiros e xardíns, a limpeza, xestión de residuos, turismo, tratamento de datos e control de pragas.

Os obradoiros duais perseguen mellorar a empregabilidade dos participantes, ofrecéndolles unha formación teórico-práctica para o emprego de calidade. Ao tempo, suporán a mellora das dotacións públicas ou de uso público no ámbito local, así como a prestación de servizos de interese xeral e social que repercuten na mellora da calidade de vida e dos servizos para o conxunto da sociedade.

Para acceder a estes programas, priorizaranse as persoas con especiais dificultades de inserción: mulleres, vítimas de violencia de xénero, emigrantes retornadas, persoas que esgotaron as prestacións e subsidios por desemprego, desempregadas de longa duración, maiores de 45 anos ou persoas que carecen de títulos universitarios e de FP de grao superior, entre outras. Terán preferencia tamén as persoas discapacitadas ou as beneficiarias do tramo de inserción da renda básica de Galicia, así como as que solicitaran este servizo a través da súa demanda de emprego e, dentro destas, aquelas que teñan prevista a realización deste tipo de medidas no seu itinerario de inserción laboral.

A Xunta de Galicia encargarase de financiar a formación profesional para o emprego, así como os custos salariais derivados dos contratos de traballo subscritos cos participantes, que serán 20 por taller.

Desde o ano 2009, a Xunta de Galicia destinou máis de 490 millóns de euros a case un milleiro de obradoiros duais, que se realizaron con preto de 21.000 participantes en toda Galicia.

 

OBRADOIROS NOTIFICADOS NA PROVINCIA DE LUGO

PROMOTOR CONCELLOS ASOCIADOS DENOMINACIÓN
Cervo Burela, Xove Sendas de Burela, Cervo, Xove XI
Ribadeo Barreiros Constrúe en verde
Ribas de Sil Quiroga, Folgoso do Courel Sillor XI
Chantada Carballedo, Taboada Serra do Faro IX
Monforte de Lemos …. A Pinguela II
Pantón Sober, O Saviñao Ricra VIII
Bóveda O Incio, Pobra do Brollón Bóveda, O Incio e A Pobra do Brollón
Castro de Rei Cospeito, Outeiro de Rei Camiño da Chaira VIII
Ribeira de Piquín Castroverde, Pol, A Pastoriza, Riotorto O Castro X
Vilalba Abadín Terra Chá no Camiño V
Begonte Friol, Rábade Cumes da Terra Chá VIII
Sarria …. Sarria, Camiño de Santiago V
Láncara Samos, Paradela Os Soutos
Lugo …. Salus Lugo
Portomarín Monterroso, Palas de Rei Terras do Miño-Ulla I
Pedrafita do Cebreiro Cervantes, Navia de Suarna e Triacastela Comarca de Ancares VII
Becerreá Baralla, As Nogais Vía Künig VI

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com