Artesanía de Galicia na Ribeira Sacra

Esta mañá celebrouse a apertura do evento Artesanía de Galicia na Ribeira Sacra, unha cita que se celebra por cuarto ano consecutivo no Santuario de Nosa Señora de Cadeiras (Sober), en horario de 11,00 a 21,00 h.

Á mesma asistiron. entre outras autoridades,o director xeral de Comercio e Consumo, Gabriel Alén, acompañado pola xerente da Fundación Artesanía de Galicia, Elena Fabeiro, e polo alcalde de Sober, Luis Fernánde. No acto, Alén destacou a aposta do Goberno galego por este tipo de eventos de pequeno formato para impulsar a comercialización do produto artesán galego, divulgar os oficios tradicionais e consolidar a marca Artesanía de Galicia. Ademais sinalou que feiras como esta demostran que o sector ten futuro e está en auxe, con máis de 800 obradoiros inscritos no rexistro xeral de artesanía, o que contribúe á creación de emprego e á dinamización do rural galego.

O director xeral tamén puxo en valor as achegas para impulsar o sector, como as axudas abertas actualmente por valor de 1,2 millóns de euros para potenciar a transformación sustentable e a economía circular dos sectores comercial e artesán.

 Programación da xornada

Na edición deste ano participan 18 obradoiros da marca Artesanía de Galicia especializados en oficios como a marroquinería, a madeira, a olería tradicional, a calceta e o gancho, a xoiería, a cerámica, os xoguetes, a bixutería, a elaboración de redes, o manipulado de papel e os complementos de moda.

Os talleres que participan como expositores –moitos deles procedentes da zona da Ribeira Sacra– son os obradoiros de olería de Gundivós (Sober) Elías de Gundivós e Figulus; os da Coruña Arobe Cerámica e Mioco Diseños; os de Quiroga, Armaior e Enxógate; os obradoiros de Ourense, María Aba e Logaro; Artesanía en Coiro Tres Pés (Pontevedra), María Monsalve (Monterroso), Mimacuir (Taboada), Tres Caracoles (Lugo), Péndulo (Burela), Soledad Mato (Oroso), Obradoiro Gorín (Buño, Malpica de Bergantiños), Riomao Estudio (A Teixeira), Olería do Batán (Baños de Molgas) e Redeiras Artesás (Ponteceso).

Ao longo da xornada celebraranse tamén tres obradoiros gratuítos e abertos a todos os públicos que se acheguen ata os pendellos de Cadeiras, en horario de 11,00 a 14,00 e de 16,00 a 21,00 h. A Asociación Galega da Cerámica e outras Artesanías (Gondomar) encargarase de dirixir un obradoiro de Iniciación ao torno cerámico, no que as persoas participantes elaborarán pezas de barro mediante as técnicas da olería tradicional galega. A actividade completarase coa divulgación das principais características das pezas máis representativas da nosa olería.

Guillermo Silvent, de Artesanía Silvent (Caldas de Reis) impartirá un obradoiro de remate de xoguetes de madeira; mentres que os artesáns María José Martínez e José Antonio Carrera, de Peixesapop (Vigo), se encargarán do obradoiro de cianotipias, un procedemento fotográfico que emprega papel de acuarela e produtos á luz para obter imaxes en azul prusiano.  A programación do evento Artesanía de Galicia na Ribeira Sacra complétase coa actuación da Banda de Música de Sober.

 

 

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com