Nunca estivera no Monte Cubeiro de Castro Verde, aínda que tivese oído falar ben veces desta parroquia por razóns poderosas entre as que está a de ter sido alí onde o Rei Silo, hai mil trescentos anos, derrotou aos galegos que pretendían librarse da dependencia astur, ou o triste escenario da traxedia de 1937 na que quince inocentes sufriron morte alevosa, tendo xustiza póstuma no pedrón erguido preto da igrexa parroquial.
Montecubeiro é un dos nortes de Xosé María Gómez Vilabella, castroverdense consciente, moi boa xente, creador incansable que profesa devoción absoluta pola súa terra; un amor fondo que o leva alí nas grandes ocasións, unha delas a despedida de Josefina (Estrella Josefa Rielo Castiñeira), o seu gran amor no decurso dos últimos setenta anos.Oficiada por Nicolás Suseña e José Carlos R. Paradela, a lembranza a Josefina foi entrañable, garimosa, como correspondía á matriarca dunha familia rexida por principios de amizade e devoción á terra e ás xentes.
Xosé María e Josefina deviñeron nunha parella de mozos nonaxenarios para os que o tempo non era máis que a constancia de acumular sabedorías e experiencias, contaxiando optimismo e conseguindo amigos, con Castro Verde e a ledicia (Manuel María dixit) por bandeira.
Fomos a Montecubeiro despedir a Josefina, e comprobar a enteireza de Xosé María, a entrega da súa familia, a presenza dos amigos, e a pervivencia de vida nun rural que pode estarse baleirando pero mantén viva a esencia da terra e da historia. Montecubeiro é terra especial que desperta amor. Xosé María Gómez Vilabella, mozo de 94 anos, é un exemplo de vida, mesmo diante da morte, e ama Montecubeiro.