Os achados descubertos nesta cuarta campaña de escavacións, que se desenvolve no castro desde a semana pasada, son froito dunha sondaxe feita polos arqueólogos, a cal revelou estes importantes descubrimentos. Trátase de dous recipientes cerámicos, practicamente completos, e outra grande cantidade de fragmentos aínda por determinar. Nun dos cacharros aparecen ademais grans de cereal e restos concrecionados nas súas paredes interiores. Os fragmentos cerámicos serán tratados pola restauradora Alba Losada, que intentará reconstruír as pezas co fin de coñecer a súa tipoloxía e cronoloxía. Os restos de semente, xunto ás concrecións e numerosos carbóns atopados, analizaranse en laboratorio e poden aportar información sobre o momento de uso do xacemento.
Os arqueólogos consideran que no xacemento arqueolóxico de Penas do Castelo, datado na Idade do Ferro, se rexistrou un lume que faría colapsar as paredes de pallabarro da construción, caendo sobre canto había no interior da edificación deixándoo selado e nun óptimo estado de conservación, como se observa no caso dos recipientes.
O delegado territorial da Xunta en Lugo, Javier Arias, visitou esta mañá o xacemento, onde se veñen de rexistrar estes novos achados e destacou a importancia deste tipo de proxectos de investigación para coñecer mellor o pasado da provincia e consolidar novos recursos turísticos e valorou especialmente que en Penas do Castelo teña un carácter comunitario. A Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude financia os traballos, nos que leva investido preto de 70.000 euros e conta, asemade, coa colaboración do Concello e da Asociación de veciños e a Comunidade de Montes de Salcedo.