Dez minutos antes das 10 horas, un particular alertou ao 112 Galicia de que ardía unha palleira de grandes dimensións no lugar de Rego Pequeno, nos Vilares.
A palla acumulada acada os seis metros de altura e está a ser retirada cunha pá mecánica para proceder a apagala xa no exterior. Dentro da palleira, que está apartada do resto de instalacións, tamén había maquinaria que xa puideron sacar.
De inmediato, desde o Centro Integrado de Atención ás Emerxencias solicitouse a acción dos Bombeiros de Vilalba, dos GES de Friol-Palas e de Curtis, da Garda Civil, da Policía Local e dos voluntarios de Protección Civil de Guitiriz. Tamén colaboran o persoal do distrito forestal da zona, da Consellería de Medio Rural, e o propio Concello, que facilitou unha das pás mecánicas.
Nestes momentos, os medios continúan no punto traballando para apagar o incendio.