A Xunta de Galicia ten en marcha ata o 15 de decembro a 18ª edición do programa Outono Gastronómico de Turismo Rural, a iniciativa coa que cada ano promove as viaxes fóra da tempada alta combinando o turismo rural e a gastronomía co fin de desestacionalizar e dar pulo ao sector. Nesta campaña participan 23 establecementos da provincia de Lugo.
O delegado territorial, Javier Arias, visitou hoxe un dos aloxamentos adheridos, Casona de Labrada, no concello da Pontenova, para dar a coñecer os detalles deste programa.
Os consumidores poden escoller entre diferentes modalidades que inclúen menús deseñados especialmente para esta campaña, así como estadías dunha noite ou dunha fin de semana. A maiores, algúns establecementos ofrecen actividades complementarias, como visitas culturais, roteiros de sendeirismo, paseos a cabalo ou descenso en canoa, entre outras. Hai tamén paquetes para as familias que viaxan con nenos e nenas.
Na provincia de Lugo adheríronse ao 18 Outono Gastronómico dez casas de turismo rural da Zona Sur -situadas en Taboada, Folgoso do Courel, Chantada, O Saviñao, Pantón, Quiroga e Sober-; cinco da Mariña -en Cervo, Foz, Lourenzá, A Pontenova e Trabada-; tres na comarca de Lugo -en Castroverde, Lugo e O Corgo-; e outras cinco en Castro de Rei, Cervantes, Monterroso, As Nogais e Sarria.
Javier Arias destacou que o obxectivo deste programa é “dar pulo ao sector do turismo rural, dinamizando a oferta fóra das épocas de maior ocupación” e instou a todos a “aproveitar esta oportunidade para desfrutar dos excelentes produtos e servizos que temos en Galicia”.