O edil de Guntín, José Vázquez Barreiro, condenado por explotación laboral, presentou esta maña un escrito no rexistro municipal no que comunica a súa renuncia á acta de concelleiro polo Partido Popular e ás obrigas derivadas da súa condición de membro do goberno local.
Vázquez Barreiro comunicou no mesmo momento ao alcalde, Ángel Pérez, a súa decisión adoptada de forma voluntaria e coa convicción de que “é o mellor” para non danar a imaxe do Concello, nin do goberno municipal, nin do Partido Popular.
A ese respecto, tamén solicitará a suspensión da militancia no Partido Popular. Nin a dirección do PP local nin provincial coñecían previamente os feitos nin a situación do ata agora concelleiro que vén de tomar esta decisión de forma persoal.