López Campos entrega en París o primeiro expediente da candidatura da Ribeira Sacra a patrimonio mundial

O conselleiro de Cultura, Lingua e Xuventude, José López Campos, fixo hoxe entrega en París ao embaixador do estado ante a Unesco, Miquel Iceta, do primeiro avance do expediente da candidatura Paisaxe da auga: Ribeira Sacra de cara a acadar en 2026 o recoñecemento como Patrimonio Mundial. Trátase dun trámite necesario para avanzar no futuro do territorio para obter o máximo recoñecemento da Unesco.

“Estamos a dar os pasos precisos e cumprindo cos trámites establecidos para ter este recoñecemento”, aseverou o titular de Cultura do Goberno galego, tras o encontro na capital de Francia co embaixador de España ante a Unesco, no que estivo acompañado pola directora xeral de Patrimonio Cultural, Mª del Carmen Martínez.

Neste senso, López Campos explicou que se está ante un “longo e ilusionante traxecto” e amosou o seu convencemento de que esta candidatura, que a Xunta de Galicia puxo en marcha no 2017, acadará en 2026 a máxima protección da Unesco.

Seguintes pasos coa vista posta no ano 2026

Con este obxectivo, apuntou que a entrega desta documentación realizada hoxe ao embaixador ante a Unesco, compleméntase co envío feito polos técnicos do Ministerio de cultura e engadiráselle unha nova achega en febreiro de 2025 “cos avances producidos nestes informes durante estes meses”. “Trátase dun paso fundamental co obxectivo final de que toda a documentación sexa revisada polos organismos avaliadores antes da súa valoración no Consello do Patrimonio Histórico de 2026”, precisou.

No horizonte desta liña de traballo, a Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude celebrará a finais do vindeiro mes de outubro, na Ribeira Sacra, o congreso internacional Fontes. Neste foro participarán expertos e especialistas culturais e de bens patrimoniais de cara a seguir avanzando nesta candidatura.

Precisamente, López Campos aproveitou a reunión co embaixador de España ante a Unesco para convidalo persoalmente a participar neste simposio, que considerou que “contribuirá dun xeito exponencial á difusión da candidatura” e ao que Miquel Iceta se comprometeu a acudir.

Xuntanzas con entidades e representantes locais

Ademais deste congreso, López Campos tamén quixo pór en valor as xuntanzas levadas a cabo nos últimos tempos pola Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude cos concellos e representantes locais da Ribeira Sacra co obxectivo de “escoitar, recoller e poñer en común” todo tipo de valoracións, suxestións e inquedanzas. Ao respecto, incidiu en que foi un proceso que puxo o foco na participación para que os veciños e veciñas, así como os distintos motores económicos da zona, “coñecesen ben a situación da candidatura e puidesen transmitir os seus comentarios e inquedanzas ao redor da mesma”.

“O obxectivo e o desexo é facer que Paisaxe da auga: Ribeira Sacra, máis alá dun carácter institucional, sexa tamén unha proposta artellada polas xentes vencelladas estreitamente ao territorio, de maneira que sexa un ben patrimonial para todos sen deixar de ser a casa de moitos”, defendeu.

Folla de ruta iniciada en 2017

Finalmente, o conselleiro aproveitou este encontro para lembrar a folla de ruta iniciada en 2017 con esta candidatura. Neste senso, enxalzou o feito de que o Goberno galego ten investido preto de 8 M€ na conservación e posta en valor de máis de 40 bens patrimoniais deste territorio das provincias de Ourense e Lugo.

En concreto, ao longo deste período, a Administración autonómica executou, en solitario ou en colaboración con outras institucións e concellos, máis de 90 actuacións tanto en materia arquitectónica como arqueolóxica en diferentes bens, como igrexas, mosteiros, museos, castros ou xacementos romanos, entre outros. Ademais, López Campos apuntou que as contas destinadas a tarefas de conservación e posta en valor do patrimonio cultural galego eleváronse nos orzamentos deste ano un 7%, “alcanzando os 10,4 millóns de euros, dos cales unha parte importante son para bens situados na Ribeira Sacra”. “Co esforzo e traballo de todos, a Ribeira Sacra conseguiu ser hoxe en día un territorio aínda máis vivo, máis coidado e máis recoñecido”, concluíu.

 

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com