ADEGA-Lugo limpará de lixo o río Rato este domingo no marco da Limpeza Simultánea de Ríos

 ADEGA-Lugo coordinará unha xornada de limpeza no río Rato o próximo domingo, 29 de setembro, no marco da Limpeza Simultánea de Ríos organizada pola asociación ecoloxista e pola súa iniciativa Proxecto Ríos ao longo de toda a xeografía galega. 

 O punto de encontro será ás 9:30 horas na entrada principal do parque de Albeiros e está previsto o remate da actividade para as 13:00 horas. Para participar é necesario inscribirse previamente a través do correo electrónico adegalugo@adega.gal. 

 Ademais, a UNED Lugo e Coidemos Lugo organizan outra limpeza simultánea no río Miño. Neste caso, o punto de encontro será a entrada da UNED ás 11:00 h. A actividade está previsto que remate ás 14:00 h. Para participar tamén é necesario inscribirse a través da seguinte ligazón: https://extension.uned.es/actividad/idactividad/39417

 Todo o voluntariado, tanto nunha coma noutra limpeza, será agasallado cunhas camisolas co lema da limpeza “Móllate polos ríos”. 

Limpeza Simultánea e Proxecto Ríos

 A Limpeza Simultánea de Ríos pretende divulgar as chaves para realizar unha actuación ecolóxica nos ecosistemas fluviais. Neste sentido, ademais de poñerse mans á obra para limpar os ríos, ADEGA repartirá entre o voluntariado un Protocolo de Limpeza de ríos que tamén se pode descargar na web de ADEGA. 

 Calquera persoa particular interesada no voluntariado ambiental pode unirse a esta Limpeza Simultánea de Ríos poñéndose en contacto coas propias entidades locais que artellen limpezas na súa localidade. Nesta ligazón da web de Proxecto Ríos pódese consultar a listaxe destes concellos e asociacións organizadoras xunto cos seus datos de contacto, no caso de todos aqueles grupos que non estean xa pechados. Esta acción está financiada por Augas de Galicia.

O Proxecto Ríos, coordinado en Galiza por ADEGA, é unprograma de educación e voluntariado ambiental que ten a finalidade de dar a coñecer o importante papel dos cursos fluviais, amosar as súas problemáticas así como fomentar iniciativas que permitan á cidadanía o mantemento e a mellora dos ríos ao proporcionar ferramentas que garantan a súa participación.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com