O Partido Galego que contaba ata o pasado venres con dous concelleiros no pleno de Monterroso, pasa, a partir de agora, a contar cun só representante, o portavoz e cabeza de lista, Xabier Vázquez.
A decisión de expulsar a Pablo Losada do Partido Galego, ten as súas orixes no informe que o voceiro do partido no concello de Monterroso trasladou á executiva nacional no que se poñía de manifesto que Losada actuaba á marxe dos acordos tomados polo comité local e facía funcións de voceiro e defendendo posturas opostas ás de Vázquez, portavoz da formación política.
Ante esta situación,a executiva nacional do partido na reunión ordinaria celebrada o pasado 1 de outubro, tomou a decisión de expulsar do Partido Galego a Pablo Losada en base ás “reiteradas actuacións políticas de Pablo, tanto nas intervencións no Pleno como nas votacións deste, actuando pola súa conta e contrarias ás acordadas pola Agrupación local”.
Coa expulsión de Losada, o pleno, xa atomizado, aínda pode incrementar os grupos, se Losada non se integra en ningún dos grupos xa existentes, e pasa ao grupo mixto.