Alternativa Galega de Esquerda en Europa (AGEe) rexistrou hoxe a traveso da europarlamentaria Lídia Senra dúas preguntas parlamentarias dirixidas á Comisión Europea ao respecto da precariedade laboral das traballadoras/es de Correos, “así como do deterioro na calidade do servizo, nomeadamente nas zonas rurais”.
Ámbalas dúas interpelacións á Comisión foron motivadas pola xuntanza mantida entre a Senra e representantes das carteiras/os que participaron o pasado mes de xuño nun encontro no Parlamento Europeo co obxectivo de visibilizar a súa situación. “O proceso continuado de precarización das condicións laborais das traballadoras/es de Correos, así como o sensíbel empeoramento do servizo proporcionado, enmárcase no proceso de privatización a nivel europeo iniciado na década dos anos 90”, sinalou Senra.
Nos seus escritos a eurodeputada galega alerta á Comisión de que “aínda que no ano 2013 Correos obtivo 48.000.000€ de beneficio, o servizo xeral está totalmente precarizado, e máis o rural: as carteiras/os rurais padecen abusos como ter que aportar vehículo propio para repartir, en ocasións tamén teñen que aportar o local de atención ao público e afrontar zonas de reparto imposibles de realizar nunha xornada laboral, xa que poden chegar a ter 100 ou 150km. para repartir en 7 horas e media, co que a moitos domicilios non chega o correo os 5 días laborais estipulados.”
“Todo este proceso de supresión de postos de traballo”, denuncia a eurodeputada galega, “aliás de redundar no empeoramento das condicións laborais das carteiras/os, “provoca vulnerabilidade na cidadanía” debido ás continuas acumulacións e retrasos da correspondencia que poden afectar a notificacións, citacións médicas, recibos de seguros, ou recibos con ameaza de corte dun subministro”.
Neste senso, Senra afirma que a nivel xeral “Correos pasou de 66.367 empregados/as no ano 2009 a 50.668 no ano 2014, é dicir, 15.699 persoas menos en cinco anos, un 25% aproximadamente. Esta redución baseouse en grande parte na non incorporación de persoal novo cando hai xubilacións e traslados a outros ministerios, situación que foi identificada polos traballadores/as desprazados a Bruxelas o mes pasado como de ERE encuberto”.
A empresa optou por reducir toda a contratación que antes se realizaba para cubrir permisos, baixas e vacacións do persoal fixo, “a pesares de ter feito anteriormente reformas que xa deixaran as zonas cunha carga de traballo moi axustada á súa xornada laboral. Esta situación fai practicamente imposible que ningún traballador/a poda asumir carga engadida de traballo provinte doutra zona distinta. Todo este proceso de supresión de postos de traballo fomenta aínda máis as continuas acumulacións e retrasos da correspondencia”, concluíu a eurodeputada.