A Gala Internacional de Maxia Galicia Ilusiona reunirá este venres 18 de outubro no auditorio Gustavo Freire de Lugo a algúns dos mellores magos do mundo co apoio da Xunta.
O delegado territorial, Javier Arias, destaca que dado o éxito das anteriores edicións este ano por primeira vez programáronse dous pases, un ás 18,30 horas e o seguinte ás 21,00 h.
Afirmou que o espectáculo está a espertar moito interese entre o público lucense, especialmente para a segunda función, que ten as localidades case esgotadas. As entradas poden retirarse a través da web oficial do evento.
Os magos Dani Polo e Pedro Bugarín son os directores da gala, que contará con artistas de talla internacional como o francés Jerome Murat, considerado o mellor mimo do mundo; Néstor Hato, tamén de Francia, especialista en manipulación; a arxentina Lore Lavand, que mestura maxia, teatralidade e poesía; ou o ilusionista coreano Kimoon Do, que se mete no papel dun director de orquestra.
Xunto a eles estarán sobre o escenario os premiados Ramó and Alegría (Barcelona), cun show que combina comedia e maxia; e o Mago Murphy (Madrid), que actuará como mestre de cerimonias.