Hoxe tivo lugar a presentación do XXXIV Festival de Jazz de Lugo, que se celebrará entre o 1 e o 17 de novembro.
A nova edición chega a Lugo con 23 concertos que se celebrarán entre o 1 e o 17 de novembro, e contará cun programa dividido nos tres escenarios habituais – Círculo das Artes, Club Clavicémbalo e Casa do Saber – con músicos procedentes dos Estados Unidos, Lugo, As Canarias, México, Líbano, Italia ou Corea.
Case a metade dos proxectos son galegos e na que cinco dos concertos están apoiados desde a Rede Galega de Música ao Vivo que cofinancia a Xunta de Galicia. Trátase das actuacións no Club Clavicémbalo do cuarteto vocal Ejazz; o Drumless Trío, formado por Abe Rábade, Marcos Pin e Alfonso Morán; Martín Otero a dúo coa coreana Ju Young, Inés Carreño, e o proxecto Daydream Sessions, unha proposta artística colaborativa que convida á participación espontánea para tomar parte nun espectáculo aberto a multitude de sons como o neosoul, o hip hop, a música latina, ou rock alternativo, interpretados en clave de jazz.
Ademais dos concertos da Rede impulsada pola Xunta, a participación galega complétase co lucense Kiki Cortiñas, a Savoy Club Big Band, Charo Quicler Octeto co espectáculo The Magic Line, Pablo Sax Cuarteto presentando o seu disco Selene, e o Terra Nova Brass Ensemble.
Todos eles compartirán cartel con coñecidos nomes do jazz internacional, onde destacan as sete bandas procedentes dos Estados Unidos: a da saxofonisa, cantante e compositora Lakecia Benjamin Quartet; o grupo de jazz fusión Bill Evans & The Vans Band All Stars; o singular son de Soul Chemistry enfrontando os saxos de Vicent Herring e Erena Terakubo; a compositora e directora de big bands, Maria Schneider diante da Clasijazz Big Band; a singularidade musical de Federale; o influente trompetista da escena do jazz internacional Jeremy Pelt Quintet; e a voz de Kenny Washington acompañado dos cataláns Ignasi Terraza Trío. Cerrando o cartel internacional actuará o Crossing Quartet, integrado polo mexicano Hugo Fernández, o libanés Tarek Yamani e os italianos Giacomo Tagliava e ugo Alunni.
Desde o resto do Estado o festival recibirá varias propostas con base nas illas Canarias, como a do versátil baixista Tana Santana Quinteto mesturando flamenco e jazz; o virtuoso guitarrista Iván Rojas, que fará dúas sesións o venres 8 e o sábado 9 coa súa formación New Quartet, e o jazz enlazado co folclore lationamericano na música do cuarteto liderado polo contrabaixista Martín Leiton. Por último, desde o Mediterráneo español chegará o violín da novísima Èlia Bastida Trío (Cataluña), e do quinteto encabezado polo trompetista Pepe Zaragoza (Valencia).