A alcaldesa de Lugo, Paula Alvarellos, esixiu esta mañá un maior compromiso do Goberno autonómico co futuro Museo da Romanización. A rexedora, acompañada polo portavoz do PSdeG no Parlamento de Galicia, José Ramón Gómez Besteiro e a ex alcaldesa de Lugo, anunciou que trasladou ao grupo parlamentario socialista unha emenda que será presentada polos seus compañeiros no Hórreo co obxectivo de que a Xunta inclúa nos Orzamentos de 2025 unha partida para rehabilitar o cuartel de San Fernando. “Que Lugo sexa o referente galego e do noroeste español en conservación, investigación e divulgación do pasado romano é un proxecto de cidade que o Goberno local e a sociedade lucense consideramos irrenunciable e algo polo que levamos máis dunha década pelexando”, sinalou a rexedora. Tamén destacou a proxección autonómica, nacional e internacional desta futura sede patrimonial á vez que puxo en valor as implicacións económicas e culturais que a súa posta en marcha tería non só para Lugo, senón para toda Galicia. Precisamente por ese motivo, a alcaldes lamentou que a Xunta se borrara desta iniciativa a pesar de ter comprometida formalmente a súa participación. “Ata o 2013, esta aspiración tamén foi un proxecto galego, e por tanto, compartido pola Xunta, a quen lle compete por lei salvagardar os restos arqueolóxicos”, lembrou a rexedora.
Replica dos Populares
O Partido Popular, nun comunicado, recriminou ao PSOE a posta en escena desta mañá para reivindicar a rehabilitación do cuartel de San Fernando reclamando fondos á Xunta cando foi o goberno local quen desistiu de acadar estas axudas da Unión Europea.
A Xunta mantén o seu compromiso de poñer o diñeiro “sempre e cando o concello consolide o plan previsto e consiga o financiamento necesario”. Hai que lembrar como en 2022 acadouse un consenso de que a administración autonómica colaboraría no Plan Director e na musealización, quedando á espera da cantidade final que se obtería de fondos europeos.
A realidade é que o goberno local é quen incumpre o pactado coa Xunta “desistindo expresamente da súa solicitude, unha vez presentada tal e como recoñeceu no pleno ordinario de outubro a edil Ana Abelleira a preguntas do Grupo Municipal” .
Os populares tamén aproveitaron para pedir a Lara Méndez algo de autocrítica xa que cando foi alcaldesa renunciou aos fondos do cuartel de San Fernando cando houbera sido moito máis útil xestionar este financiamento para o recuperar o cuartel que conseguir fondos para infraestruturas como as Caldas, carril bici , e o Edificio Impulso Verde que so lles serven para a súa propaganda.
Por último reprochan que o PSOE reclame á Xunta que se faga cargo dun edificio municipal, tras dúas décadas de inacción de gobernos socialistas e nacionalistas, e esgrime a responsabilidade autonómica sobre o patrimonio, cando é unha obriga da que por lei ten que responsabilizarse o propietario do inmoble, é dicir, o Concello. Ademais apuntan dende o PP, a anterior alcaldesa, Lara Méndez, comprometeuse a facer o Museo da Romanización “sí o sí” incluso con fondos propios. Catro anos despois o único cambio é que fuxiu do seu compromiso dimitindo do seu cargo.