Preocupación ante o roubo e a rotura de varios desfibriladores públicos

O Concello de Lugo fixo un chamamento público ao civismo de todas e todos os lucenses, despois de que o departamento que dirixe a concelleira de Benestar Social e Maiores, Olga López Racamonde, comprobara a desaparición e rotura de dous desfibriladores públicos, que estaban instalados nas prazas de Avilés e do Sagrado Corazón. Segundo explica López Racamonde “un destes dispositivos foi atopado nun descampado grazas ao sistema de xeolocalización que levan incorporado, mentres que outro que sufriu danos tivo que ser arranxado”. “É incomprensible este tipo de actos de vandalismo, de bens que pagamos todas e todos os cidadáns, e que máis aló do custo económico, supoñen a posibilidade de salvar unha vida ante unha situación de emerxencia”.

O área de Benestar Social do Concello de Lugo está a reparar os aparatos que sufriron algún dano para que, unha vez arranxados ou repostos, pasen a integrar a rede de emerxencias destes dispositivos, formada por 67 desfibriladores. Un total de 11 se atopan en espacios públicos ao aire libre como prazas e rúas; outros dez portátiles son os que levan os operativos de Bombeiros e Policía Local nas súas saídas, mentres que o resto están instalados en centros sociais da cidade e parroquias rurais, dependencias deportivas municipais, centros culturais e outro tipo de edificios públicos. De feito, estes 67 aparatos fan de Lugo a cidade máis cardioprotexida do noroeste peninsular, ao triplicar o cociente español destes soportes vitais.    

A edil de Benestar Social lembra que “non é nin moito menos o primeiro acto vandálico deste tipo, xa que o ano pasado houbo outros tres desfibriladores vandalizados, en Augas Férreas, na Avenida da Coruña, preto do barrio da Milagrosa, e en Campo Castelo, que tiveron que ser reparados ou substituídos”. Olga López fai un novo chamamento ao civismo e insiste en que “cada un destes soportes ten un custo aproximado de 1.300 euros que pagamos todas e todos. Pero esixir á xente que respecte estes bens públicos non é só polo custo económico, senón porque poden axudar a salvar unha vida”. Ademais, explica a concelleira de Benestar Social, “todos estes dispositivos levan incorporado un xeolocalizador, polo que están conectados automaticamente ao 061. O roubo ou vandalismo destes soportes implican unha chamada falsa ao 061, que detecta que hai unha alarma e que activa así todo o dispositivo de emerxencias público, co gasto de recursos que iso implica”. 

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com