A Subdelegación do Goberno en Lugo clama contras violencias machistas

No marco da conmemoración do Día Internacional da Eliminación da Violencia contra a Muller, a Subdelegación do Goberno en Lugo reafirmou o compromiso do Goberno de España coa erradicación de todas as formas de violencia machista. Así se manifestou na lectura da declaración institucional, situando esta cuestión de Estado como a expresión máis crúa da desigualdade e as relacións de poder entre homes e mulleres.

Na provincia de Lugo, os datos do sistema VioXén reflicten a persistencia desta problemática estrutural: 796 casos activos que afectan a 773 vítimas, das cales o 64,6 % son españolas e as 35,4 % estranxeiras. En canto aos agresores, 182 dos 780 rexistrados son persistentes, con máis dunha vítima, e deles, 138 son de nacionalidade española. Ademais, destácase que 768 casos contan con ordes de protección activas, mentres que os dispositivos COMETA e ATENPRO están en funcionamento en 49 e 32 casos respectivamente.

Con 1.286 mulleres asasinadas desde 2003 por violencia de xénero en España, desde a Subdelegación instaron a redobrar esforzos desde todos os ámbitos: “A vergoña non pode estar do lado das vítimas, senón dos agresores e de quen mira cara a outro lado. Debemos seguir traballando unidos por unha sociedade libre de violencia contra as mulleres e as nenas”. Neste senso, condenouse explicitamente a violencia “que golpeou na nosa provincia esta fin de semana, con dúas agresións machistas en Lugo e Vilalba”.

No transcurso do acto, tamén se lembrou que o Pacto de Estado contra a Violencia de Xénero, aprobado en 2017, permitiu implementar diversas medidas para reforzar a atención ás vítimas en todo o territorio. No último ano, os municipios de Lugo recibiron máis de 240.000 euros para mellorar os servizos e recursos dispoñibles.

“Erradicar a violencia contra as mulleres é un deber de toda a sociedade, porque malia os avances lexislativos e o aumento da cobertura económica, social ou psicolóxica das vítimas, queda moito por facer”.

O acto culminou cun minuto de silencio en memoria das mulleres vítimas da violencia machista e cun chamamento para renovar o compromiso colectivo, político e social para lograr unha sociedade máis xusta e igualitaria.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com