A Asociación Si, hai saída alerta do perigo da crecente tendencia, promovida por algunhas famosas, de substituir as denuncias por violencia de xénero pola publicación en redes sociais das mesmas.
Desde a Asociación Si,hai saída desexamos manifestar a nosa alarma ante a evidente e cada vez maior tendencia a substituír as denuncias por situacións de violencia de xénero pola la publicación en redes sociais das mesmas, promovidas por algunhas famosas, como está a suceder nestes días na última coñecida ata o momento, protagonizada pola atleta Ana Peleteiro, por mencionar tan so un exemplo,así como a alertar do grave risco que isto implica.
NUNCA, e repetimos, NUNCA a publicación en redes sociais pode substituir a denuncia, e fomentar este comportamento, como están a facer estas mulleres, é, ademais de unha grave irresponsabilidade, un factor de risco e perigo para as vítimas.
Entendemos, e é moi lóxico, ademais, que unha vítima de violencia machista non saiba, inicialmente, identificarse como tal, como tamén, e o vivimos día a día con elas, o seu temor a dar o paso de denunciar, así como a necesidade de respectar os seus tempos. De feito é vital
facelo.
Non deixamos, así mesmo, de comprender que, nun momento dado, precisen contar a súaexperiencia, sendo para isto os seus referentes mulleres mais ou menos famosas, que o fan a través das redes sociais, obviando a denuncia, ignorando o risco que isto supón.
O feito de non denunciar implica, entre outras cousas, que os seu maltratadores non paguen polos seus delitos, co risco que isto supón para elas mesmas, xa que, evidentemente, non van ter acceso a ningunha medida de protección, e para outras mulleres que, con toda seguridade, tamén están a ser ou serán maltratadas.
Por outra banda, desde o momento no que isto se fai público, o dereito a presunción de inocencia que, nos guste ou non, existe e compre respectalo, é vulnerado, polo que algún dos agresores, sentíndose aludido, pode ser quen denuncie, pasando a vítima real a ser autora dun
delito.
Non esquezamos, así mesmo, que, lamentablemente, e malia ser moi inxusto, non é o mesmo ser unha vítima anónima que unha vítima coñecida ou famosa que, obviamente, vai ter, no caso de que as súas manifestacións provoquen algunha consecuencia , medios e recursos para defenderse dos que non vai dispoñer nunca unha vítima descoñecida.
Non se pode, aproveitándose da súa fama como personaxes públicos ou coñecidos, e, en aras do “seu dereito a romper o seu silencio”, de “dar voz as vítimas”, ou “visibilizar a violencia de xénero”, inducilas, aproveitando a súa vulnerabilidade emocional, o seu medo, e a súa
necesidade de sentirse comprendidas, a ignorar o que é un paso fundamental, en primeiro lugar, para que poidan ser protexidas e para que os seus agresores paguen polo seu delito.
Se de verdade a Sra. Peleteiro e outras coma ela que, lamentablemente, exercen unha enorme influencia en moitas mulleres, principalmente entre as mais novas, queren axudalas, que comecen por dar elas o primeiro e correcto paso: DENUNCIAR.
Non serve a escusa de que non o fixeron antes porque non eran conscientes da súa situación. Se agora, como din, o son, o delito non prescribe, polo que poden e deben denunciar.
Entón, e so entón, poderán servir de exemplo e serán de axuda para moitas mulleres que están pasando polo mesmo e que as teñen como referentes.
Facer o contrario, é, como xa dixemos, unha enorme irresponsabilidade, se ben tamén, sexamos sinceros, un lucrativo negocio, para algunhas delas, e para os medios que lles dan voz, tanto ou mais irresponsables.
Non se pode, se se ten, como debería suceder, un mínimo de coherencia, criticar as leis, a xustiza, e esixirlles resultados, e, a mesma vez, ignoralas.
Hai que traballar e loitar, eso si, para que, as vítimas de violencia machista, os seus fillos e fillas, sexan debidamente asistidos e protexidos, e dar voz cando isto non suceda.
Converter esta sanguenta lacra nun “reality “ ou nunha travesía de plató en plató, fomentando unha conduta claramente irresponsable. non é loitar nin dar voz,
É, sinxelamente, facer negocio da dor e un xeito mais de maltratar, por mais que, quen o faga, fora, a súa vez, no pasado, vítima.
Asociación Si, hai saída.