A Biblioteca Pública da Xunta en Lugo acollerá mañá ás 19.00 horas o ‘Concerto de Nadal’ do Orfeón Lucense, co que inaugura a programación especial con motivo destas festas. O venres día 20 tomará o relevo Zuma, grupo galego de tributo á banda de música Los Secretos, e o día 27 “La penúltima sabinera” co seu tributo a Sabina, ambas actuacións a partir das 20.00 horas.
Para o mesmo venres 27, ás 12.30 horas, a Biblioteca programa tamén o espectáculo destinado ao público infantil “Son animal”, de Paco Nogueiras. Todas as actividades terán lugar no salón de actos e son gratuítas ata completar aforo.
O centro, dependente da Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude, tamén manterá ata o día 20 de xaneiro a exposición Toma castaña Galicia, organizada pola Xunta e centrada nos 22 exemplares e formacións de castiñeiros incluídos no Catálogo de árbores senlleiras de Galicia. Igualmente, ata o 31 de xaneiro permanecerá exposta a mostra “Os maragatos da porta de San Pedro”, complemento do libro do mesmo nome recentemente publicado por Xulio Xiz e Antonio Giz.