A Deputación de Lugo pon en marcha a segunda edición do programa gratuíto Exploradores do Miño, a iniciativa de educación ambiental na que poden participar nenos e nenas de entre 6 a 11 anos. Nesta convocatoria incorpóranse case unha vintena de actividades de lecer dirixidas a concienciar aos máis pequenos sobre a importancia de conservar e coidar do medio ambiente, ao tempo que tamén facilita a conciliación das familias.
A programación, na que se inclúen un total de 20 prazas por proposta, desenvolverase todos os venres do 24 de xaneiro ata 27 de xuño en horario de 17:00 horas a 19:00 horas no Centro de Interpretación Terras do Miño.
Desde este venres, 10 de xaneiro, ás 12:00 horas poden formalizarse as inscricións na páxina web https://inscricions.deputacionlugo.org/gl/tema/actividades-medioambientais ou a través do correo electrónico und.medioambiente@deputacionlugo.org. As persoas interesadas en consultar máis información poden facelo chamando ao 982 227 812.
Ademais, os nenos e nenas que participen conseguirán un kit de produtos coa imaxe desta iniciativa. As actividades previstas son:
- Aprender a reciclar.
- Aprender a compostar.
- Aprender a vermicompostar.
- Papel reciclado.
- Encadernación de libros en papel reciclado.
- Saída para recoñecer árbores, recoller follas e facer herbario.
- Xoguetes con materiais reciclados.
- Saída para recoñecer herbas.
- O ciclo da auga.
- Creación dun xogo de mesa sobre medio ambiente.
- Facemos un niño de paxaros.
- Recoñecer animais da biosfera.
- Facer un mapa con topónimos.
- Representamos lendas da Terra do Miño.
- Protexer a nosa contorna, con saída para recoller restos non biodegradables.
- Deportes ao aire libre.
- Plantación de especies hortícolas autóctonas.
Fotografía: Arquivo Primeira Edición “Exploradores do Miño”.