ADEGA-Lugo organiza unha nova andaina polos parques eólicos Monteiro e Restelo

A delegación de ADEGA en Lugo organiza unha nova andaina no marco do programa de roteiros “Auga: o quebracabezas da vida”. Nesta ocasión, ADEGA convida a visitar a Serra de Fontoira e o Alto de Restelo nos concellos de Baleira, Navia, Becerreá e A Fonsagrada, onde están autorizados os parques eólicos Monteiro e Restelo. O roteiro terá lugar o próximo domingo, 19 de xaneiro, con saída ás 9h desde o local de ADEGA Lugo (Ronda das Fontiñas 180) para coordinar os coches dende Lugo.

Vindo de Baralla e cara Navia de Suarna, por riba de Castro Lanzán ao oeste e de Teixeira de Arriba ao leste temos o PE Monteiro na Serra de Fontoira coa pretensión da instalación de 5 aeroxeradores. Farase un pequeno roteiro circular duns 2 quilómetros onde, se o tempo o permite se ampliaría a 5, e poderase ver o alcance dos parques eólicos da comarca.

A continuación desprazaranse até o alto de Restelo para ver a localización exacta dos 6 aeroxeradores de máis de 180 m. de alto nos concellos de Baleira, Fonsagrada, Navia e Becerreá. Farase tamén un roteiro circular duns 6 quilómetros, pasando preto de Redrollán, dende onde a perspectiva, se é posible, permitirá ver tamén unha amplísima panorámica dos parques xa instalados na zona e o que suporía a instalación dos proxectados.

Os cartos recadados neste roteiro, seis euros por persoa, serán destinados ás campañas Ti Podes Paralos! para frear os parques eólicos Restelo e Monteiro. A organización informa que será necesario roupa de abrigo porque a andaina será por riba dos 900 metros.

A programación de roteiros 2024/25 de ADEGA-Lugo ten como tema central a problemática da auga, imprescindible para a vida e da que todo depende. Os Roteiros de ADEGA-Lugo son andainas pola natureza que organiza a delegación de Lugo de ADEGA desde hai máis de 20 anos e que están dirixidas á poboación xeral, co obxectivo principal de achegar as persoas á súa contorna natural para que coñezan os valores naturais, patrimoniais e culturais que enriquecen e identifican o noso territorio.

As seguintes paradas son:

  • 16 de febreiro. Castroverde / A horta do Rei
  • 16 marzo. Santo Estevo do Ermo
  • 20 abril. Ancares por Terras do Val do Ser
  • 11 de maio. Carballeda de Valdeorras
  • 15 de xuño. Arousa. ALTRI NON.

 

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com