No transcurso dunha xuntanza celebrada na sede da Xunta en Lugo, o delegado territorial do Goberno Galego Javier Arias, reuniuse co presidente da Asociación de Jóvenes Empresarios (AJE) de Lugo, José Luis Celeiro, para informalo sobre as axudas para autónomos e pemes publicadas nos últimos días no Diario Oficial de Galicia (DOG).
Segundo explicou o delegado, no que vai de xaneiro convocáronse 21 programas de dúas Consellerías que suman preto de 215 M€ para apoiar a actividade dos autónomos e das pequenas e medianas empresas galegas.
Por unha banda, a Consellería de Emprego, Comercio e Emigración publicou o pasado venres no DOG unha orde por valor total de 40,7 M€ que unifica cinco liñas específicas para o colectivo de autónomos coa finalidade de axilizar a tramitación e avanzar na simplificación administrativa.
Nesa convocatoria inclúense os incentivos para o inicio da actividade —programa de promoción do emprego autónomo e da cota cero -; o Bono Autónomo, para consolidar un negocio e mellorar a súa competitividade; o Bono Remuda, para fomentar o relevo xeracional; os apoios á conciliación e o Bono Nova Oportunidade, para aquelas persoas que cesaron na actividade e van volver a emprender. A maiores, o venres tamén saíu publicada unha orde da mesma Consellería que destina 1,35 M€ a favorecer a contratación indefinida por parte dos autónomos. As axudas incluídas nestas seis liñas poderán solicitarse a partir do próximo venres, 24 de xaneiro.
Programas xestionados polo Igape
Pola súa banda, a Consellería de Economía e Industria publicou por primeira vez na primeira quincena da xaneiro a maior parte das axudas do Instituto Galego de Promoción Económica (Igape) para pemes e autónomos, co obxectivo de facilitarlles que poidan planificar con antelación as súas necesidades de financiamento e coñecer os apoios públicos dos que van dispoñer.
Arias explicou que son en total 15 liñas de axudas que suman 172,6 M€, que saíron publicadas nos DOGs dos días 13 e 14 de xaneiro e que poden solicitarse a partir de mañá, nalgúns casos, e nos restantes a partir do mércores. O obxectivo é promover a competitividade, a innovación e o financiamento das pemes e autónomos.
As liñas xestionadas polo Igape divídense en tres bloques. Por un lado están as relativas ao financiamento, que engloban as de acceso ao crédito, os préstamos directos; os préstamos para grandes empresas e as novacións das débedas co Igape.
No bloque de competitividade, destacan polo seu importe as axudas para a atracción de empresas; os apoios a startups; os de obradoiros multidisciplinares para pemes; os destinados a equipamento e investimentos xerais; os de transformación dixital; os apoios aos clústeres; o programa ReAcciona para capacitar ás pemes ante os novos retos do mercado; e a liña para os provedores da automoción.
Por último, foméntase a innovación con varias medidas de apoio, entre elas a liña para a implantación da Intelixencia Artificial, que sae por primeira vez.