Unhas das construcións máis senlleiras da montaña luguesa, as pallozas, están dende hai moitos anos nun estado de conservación moi deficiente e estas agrávanse cando, como estes días, os temporais arrecian. Para paliar esta situación o PP de Lugo ven de propoñer que a “Xunta de Galicia lidere e promova unha acción conxunta entre a administración autonómica, provincial e local. E, de forma especial, que colaboren para a restauración dos danos provocados pola borrasca Herminia nos teitos de palla destas construcións”.
O portavoz do PP de Cervantes, Óscar Fernández, xunto co portavoz do PP na Deputación de Lugo, Antonio Ameijide, e o delegado da Xunta en Lugo, Javier Arias, visitaron este mércores a aldea do Piornedo para comprobar o alcance dos danos nas distintas pallozas afectadas.
Os populares sinalan que “preservar estas construcións é un xeito de protexer unha parte da identidade das comunidades rurais da montaña de Lugo e, polo tanto, unha das nosas xoias etnográficas”.
Nese sentido, cren que “a súa posta en valor e conservación require a implicación e concurso de todas as administracións”, particularmente da Xunta de Galicia, da Deputación de Lugo e o do Concello de Cervantes, fronte á ameaza que supón o paso do tempo e o impacto das condicións meteorolóxicas especialmente adversas no lugar, porque estas construcións constitúen tamén un “atractivo turístico singular que permite coñecer como vivían nesta zona de alta montaña hai séculos. Ademais, están emprazadas nun espazo natural de especial beleza como é a Reserva da Biosfera dos Ancares lugueses”.
Para axilizar as accións, os representantes do PP lucense xa rexistraron unha iniciativa este mércores no Parlamento de Galicia e darán traslado da proposta tamén noutras administracións coma o Concello de Cervantes ou a Deputación Provincial de Lugo.