A sección sindical de CCOO no Concello de Lugo ven de denunciar a privatización encuberta da xestión do ciclo da auga por parte do actual goberno local. Dende hai meses o sindicato, está a denunciar a situación da Brigada de Augas, agora o sindicato alerta sobre o grave momento que atravesa a Unidade Administrativa da mesma.
“Neste servizo, dos nove postos que prevé a relación de postos de traballo, só están cubertos dous. Unha situación «inaceptable», denuncia CCOO, pois sobrecarga de traballo ó persoal existente e prexudica ó servizo que se lles presta ás veciñas e veciños de Lugo. Esta unidade atende cuestións como a xestión de padróns —que non se poden atrasar, pois teñen prazos pechados—, atención diaria a contribuíntes, reclamacións, fianzas ou lecturas de contadores, denuncia o sindicato.
Para a sección sindical de CCOO, “a situación precaria» deste servizo xunto coa falta de persoal crónica que tamén padece a Brigada obedecen a unha estratexia para xustificar unha privatización mediante a encomenda a unha empresa externa. De feito, así aconteceu a finais do ano pasado, coa contratación dunha empresa para reparar avarías en vez de dotar a Brigada de Augas do persoal necesario. A auga é un dereito fundamental e a súa xestión debe ser pública e de calidade”, defende a sección sindical de CCOO. Ao tempo, o sindicato reclámalle «coherencia» ao goberno local de Lugo, pois «non se entende que un goberno de esquerdas maltrate ó persoal e queira privatizar un servizo esencial como é a xestión do ciclo da auga”.