A asociación responde á nota de prensa difundida o pasado 29 de xaneiro por Euroarce Caolines, empresa que actualmente explota a canteira “Nuestra Señora de Begoña”, situada na Espiñeira, no concello de Foz (Lugo
En relación coa mencionada nota de prensa, ADEGA “rexeita as afirmacións da compañía, a cal sostén que a súa canteira non se sitúa nunha zona con protección patrimonial e que dispón de todas as licenzas, permisos e autorizacións necesarias. Non obstante, tras revisar a documentación existente no Concello de Foz, os ecoloxistas “constataron” que non figura ningunha licenza urbanística municipal que avale a actividade mineira na zona”. De todos os xeitos, din dende ADEGA, “no caso de que a empresa dispuxese desa licenza, resulta sorprendente que non a achegase na súa comunicación para refutar as afirmacións de ADEGA de forma clara e directa. O silencio da compañía e do propio Concello de Foz sobre este punto clave alimenta as dúbidas sobre a legalidade das actividades mineiras en curso. Por iso, sería clarificador coñecer a data na que foi outorgada esa suposta licenza e saber quen foi o alcalde que a asinou”.
Por outra banda, A ASOCIACIÓN, reitera que “a concesión mineira de Mina Begoña, que data de 1955, debería terse declarado caducada por falta de actividade durante décadas, tal e como establece a normativa vixente. Porén, a inacción da Administración permitiu que Euroarce reactivase a explotación, incumprindo así cos trámites ambientais esixidos polo RD 975/2009e sen establecer un plan de restauración que garanta a recuperación”
ADEGA pregúntase tamén. porqué Euroarce buscou unha resolución favorable da Dirección Xeral do Patrimonio se a explotación non interfire co xacemento da Mina Romana da Espiñeira. A resposta para esta asociación é clara: a actividade de Euroarce afecta directamente unha zona con protección patrimonial, e as xestións realizadas pola empresa perante Patrimonio así o demostran.